A Deputación impulsa o emprendemento rural en Brión
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Darredor en Brión, que vén de adquirir nova maquinaria coa axuda da Deputación
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Darredor en Brión, entidade beneficiaria dunha subvención da Deputación da Coruña para o proxecto "Valorización de recursos locais para a elaboración de conservas artesanais".
A deputada estivo acompañada pola concelleira de Emprego de Brión e presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey, e por representantes da directiva da entidade.
O investimento da Deputación, que ascende a 13.500 euros, permitirá mellorar os obradores da entidade e aumentar a súa capacidade de produción.
Capelán destacou que Darredor desempeña un papel clave na transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais da contorna e sinalou que o apoio a iniciativas como esta xera valor engadido ás producións locais, evita perdas e abre novas oportunidades económicas para produtoras e produtores do rural. Engadiu que o asociacionismo demostra que a cooperación e a innovación son ferramentas fundamentais para dinamizar o territorio.
A subvención permitiu a Darredor adquirir nova maquinaria e equipamento para os dous obradores da entidade, o de conservas vexetais e o de masas. Estas melloras optimizarán a transformación de alimentos, reforzarán as garantías sanitarias e incrementarán a capacidade produtiva.
Cos produtos do agro local elaboran marmeladas, cremas de verduras, zumes de froitas, froitas deshidratadas e outras preparacións que permiten aproveitar mellor as colleitas mediante a súa transformación, xerando maior valor engadido e reducindo perdas no campo.
Darredor: un referente do rural coruñés
A Asociación conta actualmente con 85 persoas asociadas e preto de 201 persoas vinculadas á súa actividade, ademais de colaborar con outras asociacións e comunidades de montes da provincia. Só en 2023, os seus obradores rexistraron 482 xornadas de uso, consolidando a entidade como un referente na transformación artesanal de produtos do sector primario.
Investimentos como este contribúen a fortalecer o emprendemento rural e a avanzar cara a un modelo sostible baseado nos recursos locais, promovendo economía, emprego e innovación no rural da provincia.
