A Deputación esixe á Xunta a cobertura inmediata de especialistas para atender ao alumnado con necesidades específicas da provincia
O pleno provincial aprobou unha moción do PSdeG-PSOE e do BNG para garantir unha educación inclusiva real
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada conxuntamente polos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG na que se insta á Xunta de Galicia a cumprir a lexislación vixente en materia de atención á diversidade e a reforzar de forma inmediata os recursos nos centros educativos. A iniciativa contou co apoio de todos os grupos políticos da corporación provincial agás o PP, que votou en contra.
A iniciativa denuncia a falta estrutural de profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) e en Audición e Linguaxe (AL), unha carencia que, segundo o acordo plenario, está a dificultar a atención adecuada ao alumnado con necesidades específicas e a comprometer a igualdade de oportunidades no ensino público.
O texto aprobado reclama a cobertura inmediata de todas as prazas vacantes e o fin da práctica de compartir profesorado entre varios centros, unha medida que, segundo explicou o voceiro socialista, Bernardo Fernández, "reduce a calidade da atención individualizada e impide dar resposta ás necesidades reais do alumnado".
Fernández explicou que a iniciativa nace das numerosas reunións que o goberno provincial mantivo con ANPAS e comunidades educativas, que son as que piden que se actúe neste ámbito e denuncian o constante recorte de profesorado destinado a reforzo educativo do alumnado con necesidades especiais.
Fernández subliñou a necesidade de "pasar das palabras aos feitos en materia de inclusión educativa para que ningún neno ou nena quede atrás por falta de apoio", e lembrou que o cumprimento da normativa "non é unha opción, senón unha obriga legal e tamén moral".
A portavoz do BNG, Abia Veira, puxo o exemplo concreto do centro Concepción Arenal da Coruña, con máis de 500 alumnos, 80 deles con necesidades especiais e só unha orientadora, de baixa, e dous especialistas en audición e linguaxe.
A resolución sinala tamén que a Xunta debe asumir plenamente as súas competencias educativas e responder ás demandas reiteradas da comunidade escolar, que leva anos advertindo da falta de planificación e de recursos suficientes.
