Estás en:Novas

A Deputación urxe á Xunta un plan para “frear o desmantelamento” do CIAM de Mabegondo

O pleno provincial deu luz verde á iniciativa presentada por PSOE, BNG e AV que denuncia o "abandono histórico" e a falta de investimentos no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

A Deputación urxe á Xunta un plan para “frear o desmantelamento” do CIAM de Mabegondo

Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada conxuntamente polos grupos do PSOE, o BNG e Alternativa dos Veciños (AV) para esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan urxente de recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A iniciativa, que contou co voto en contra do PP, centra o foco na crítica situación deste centro de referencia que cualifican como un "abandono histórico" por parte do goberno autonómico.

A proposta aprobada insta ao Goberno galego a dotar ao CIAM dos medios e recursos necesarios para garantir a súa continuidade, tras anos de perda constante de persoal e deterioro das instalacións.

O portavoz provincial socialista, Bernardo Fernández, denunciou durante a súa intervención a gravidade da "situación actual de abandono do centro, que non ten xustificación e que é toda unha metáfora do abandono do rural galego" e instou á administración autónomica a pór os medios e investimentos para acabar con esta situación.

O portavoz de AV, Ángel García Seoane, incidiu tamén no declive dun centro "que foi exemplar, con instalacións inmellorables, pero que levan vinte anos arruinándose", mentres que a portavoz do BNG, Avia Veira, incidiu na importancia de promover máis investigación pública no ámbito agrario e incidiu en que "non podemos permitir recortes nin precarización".

O portavoz do PP, Juan Carlos García Pose, defendeu que os principais avances de investigación agraria veñen da iniciativa privada. "Qué lle leva aportado o CIAM a unha explotación do sector lácteo?", preguntouse o deputado, para considerar que o centro "está por detrás da realidade produtiva de Galicia" e avogar por "redefinir o seu papel".

O acordo plenario demanda especificamente unha partida orzamentaria para renovar maquinaria agrícola e instalacións agrogandeiras obsoletas, así como a finalización das obras e o equipamento do banco de xermoplasma, que actualmente se atopa inacabado a pesar das promesas da Xunta. Así mesmo, solicitouse a renovación da xerencia do centro para asegurar unha xestión máis transparente e participativa.

A moción alerta sobre a "precariedade laboral no centro", destacando que o pasado mes de novembro "seis investigadores abandonaron o CIAM tras un concurso de traslados", agravando un problema de falta de cobertura de prazas que vén de lonxe. "Esta falta de persoal técnico e investigador dificulta o acceso a proxectos competitivos e obriga aos profesionais a asumir tarefas básicas de coidado de animais ante o desbordamento do persoal de campo", explica o texto.

A resolución tamén pon o foco na seguridade laboral, mencionando un accidente recente cunha máquina en mal estado que levou ao precintado de parte do equipamento por non cumprir a normativa vixente. "Esta situación de abandono pon en risco a traxectoria dun centro que durante 140 anos foi referente europeo e clave en fitos como a creación da raza rubia galega", sostén a moción aprobada polo pleno.

No transcurso da sesión tamén aprobaron por unanimidade as propostas presentadas polo Grupo Popular relativas á modificación do Regulamento Xeral de Costas e á condena de actos vandálicos contra algunhas sedes políticas.

Declaración institucional polo 8 de marzo

O pleno da Deputación aprobou tamén hoxe unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que todos os grupos políticos da Corporación reafirman o seu compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e coa loita contra todas as formas de discriminación e violencia de xénero. O texto subliña que, malia os avances acadados, a igualdade segue a ser unha tarefa pendente e advirte do risco que supoñen os discursos negacionistas e os retrocesos en dereitos para a calidade democrática.

A declaración chama a atención sobre as desigualdades estruturais que continúan afectando ás mulleres no ámbito laboral, económico e social, como a fenda salarial, a precariedade ou a feminización da pobreza, situacións que se agravan no rural pola menor dispoñibilidade de servizos. Así mesmo, alerta sobre os novos retos derivados do entorno dixital, especialmente a crecente violencia e acoso nas redes sociais, e aposta por reforzar a coeducación e o pensamento crítico para garantir unha igualdade tamén no espazo virtual.

O texto institucional insiste tamén na necesidade de intensificar as políticas de prevención, protección e reparación fronte á violencia machista e expresa o compromiso da Deputación de non dar nin un paso atrás fronte ao odio e a reacción, reafirmando a defensa dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias para todas as mulleres.