Estás en:Novas

O xurado do IV Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ reúnese na Deputación para avaliar as candidaturas presentadas

O fallo darase a coñecer nun acto público previsto para o vindeiro mes de abril

O xurado do IV Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ reúnese na Deputación para avaliar as candidaturas presentadas

A Deputación da Coruña acolleu a reunión do xurado da cuarta edición do Premio 'Xoán Vicente Viqueira' de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación, un encontro no que se iniciou o proceso de avaliación das candidaturas presentadas ao certame.

O xurado, integrado por persoas de recoñecido prestixio académico e profesional, será o encargado de valorar as propostas nas tres modalidades do premio: traxectoria investigadora, innovación científica e investigación nova.

A reunión estivo presidida pola deputada de Educación e Xuventude, Yoya Neira Fernández, e contou coa participación de Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña e presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial "Xoán Vicente Viqueira"; Cristina García Fontán, doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña e Premio COAG de Arquitecturas Efémeras; Manuela Lorenzo Rodríguez, xefa do servizo de Acción Social, Educación, Deportes e Mocidade da Deputación da Coruña; Jesús Fernando Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da Universidade de Santiago de Compostela e Premio Nacional de Psicoloxía "José Luis Pinillos"; Ascensión Cambrón Infante, doutora en Filosofía e profesora de Filosofía do Dereito, Moral e Política da Universidade da Coruña; e Sonia García Vázquez, doutora en Dereito e profesora de Dereito Político e Constitucional da Universidade da Coruña.

Durante a sesión, o xurado abordou a análise das candidaturas recibidas, destacando o alto nivel e diversidade das propostas presentadas nesta edición, que abranguen diferentes ámbitos das ciencias sociais, as humanidades e a innovación social.

O fallo do xurado darase a coñecer nun acto público que terá lugar o vindeiro mes de abril, no que se anunciarán as persoas e entidades gañadoras das tres categorías do premio.

Este galardón, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Bergondo e o Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial "Xoán Vicente Viqueira", ten como obxectivo recoñecer e visibilizar o traballo investigador e innovador que contribúe ao avance do coñecemento e ao desenvolvemento social.