A Deputación da Coruña lamenta que o mal estado das vías impida activar o servizo de autobús a Caaveiro esta Semana Santa
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, atribúe a situación á «falta de dilixencia» da Xunta, provocando o mesmo escenario que xa se deu hai dous anos
A Deputación sinala que o estado actual das vías polas que deberían circular os autobuses «non garante as condicións mínimas de seguridade para a prestación do servizo»
A Deputación da Coruña lamenta que, debido ao mal estado das vías de acceso ao mosteiro de Caaveiro, este ano non será posíbel habilitar o servizo de autobuses lanzadeira que se puxera en marcha durante a Semana Santa de 2025 para ordenar os desprazamentos ao Parque Natural das Fragas do Eume. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, achaca a situación ao «desleixo» da Xunta de Galiza por «non exercer as súas competencias».
Repítese, polo tanto, «o mesmo escenario ca en 2024, canto o Goberno galego, ante a dificultade de identificar as persoas titulares das vías, decidiu actuar no último momento, sen marxe para poder contratar os autobuses», abunda o responsábel provincial.
A institución provincial explica que o dispositivo, que incluía transporte gratuíto desde o portal de Ombre e restrición do tráfico rodado na estrada de acceso, tivo unha «acollida moi positiva» entre as persoas visitantes e contribuíu a mellorar tanto a seguridade como a protección ambiental dun espazo de alto valor ecolóxico.
Porén, a Deputación sinala que o estado actual das vías polas que deberían circular os autobuses «non garante as condicións mínimas de seguridade para a prestación do servizo». Neste sentido, subliña que a conservación e mantemento destas infraestruturas é, en último caso, «competencia da Xunta de Galiza, á que lle corresponde actuar para asegurar a súa correcta funcionalidade».
A Deputación da Coruña lamenta o que cualifica como unha «falta de dilixencia» por parte da administración autonómica, impedindo a prestación dun servizo que contribuía a reducir a presión de tráfico nun dos espazos naturais máis visitados da provincia durante a Semana Santa.
Por último, Xosé Penas reafirma o «compromiso» da Deputación coa protección e posta en valor das Fragas do Eume e co impulso de medidas de mobilidade sostíbel que permitan compatibilizar o uso público coa conservación do medio natural. Así mesmo, agarda que se adopten as actuacións necesarias para que o servizo poida recuperarse noutro momento.
