A Deputación e a CMAT abordan o estado do Parque do Megalitismo e a súa importancia para o desenvolvemento turístico da Costa da Morte
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, reuniuse co presidente da CMAT e alcalde da Laracha José Manuel López Varela e mais a concelleira de Dumbría e vogal da CMAT María Lema Santabaya para abordaren o avance do proxecto
A Deputación da Coruña mantivo unha reunión coa CMAT, a asociación de turismo da Costa da Morte, para analizar o estado actual do Parque do Megalitismo, un proxecto impulsado pola área de Patrimonio da institución provincial. No encontro participaron o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o presidente do Parque do Megalitismo e alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Dumbría e vogal da CMAT, María Lema Santabaya.
Durante a reunión, analizouse a situación actual do parque e os avances realizados para facer realidade esta iniciativa. O deputado de Patrimonio explicou que a Deputación xa asinou o convenio con Estudo Técnico Galego para levar a cabo as expropiacións necesarias. Así mesmo, estanse iniciando as actuacións relacionadas coa sinalización, un paso fundamental para facilitar a identificación dos elementos patrimoniais e avanzar na futura organización das visitas.
As persoas participantes coincidiron en destacar a relevancia do Parque do Megalitismo para A Costa da Morte, tanto pola súa dimensión patrimonial e cultural como polas oportunidades que ofrece para o desenvolvemento turístico da comarca. "A posta en marcha das visitas e a execución do proxecto permitirán valorizar o importante legado megalítico do territorio, mellorar a súa difusión e contribuír á creación dunha oferta turística vinculada á historia, á cultura e á identidade local" sinalou Penas.
"O parque representa, así, unha oportunidade para reforzar o atractivo da Costa da Morte como destino turístico, diversificar os recursos que ofrece ao visitante e favorecer a dinamización dos concellos implicados, poñendo en valor un patrimonio singular e compartido" engadiu o deputado.
Ambas as entidades puxeron en valor a "estreita e fluída colaboración", que consideran "fundamental". "A cooperación entre as administracións e o sector turístico local é clave para avanzar na promoción dos recursos do territorio e garantir que proxectos estratéxicos como o Parque do Megalitismo teñan un impacto positivo no conxunto da comarca".
A reunión permitiu, deste xeito, compartir información sobre o avance dos traballos, poñer en común as necesidades existentes e reafirmar a importancia da cooperación institucional para impulsar un proxecto chamado a converterse nun recurso destacado para a Costa da Morte, tanto pola súa riqueza patrimonial como polo seu potencial cultural e turístico.
