A Deputación presenta en Caaveiro un cómic sobre a historia do cenobio e avanza o novo proxecto de musealización do Mosteiro
O presidente Valentín González Formoso destaca que a nova musealización "marcará un antes e un despois" e salienta a aposta da Deputación pola divulgación do patrimonio con formatos accesibles como a banda deseñada
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou o "valor singular" de Caaveiro non só polo seu carácter arquitectónico, senón pola súa dimensión histórica, natural e cultural

O Mosteiro de Caaveiro acolleu esta tarde a presentación da banda deseñada Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume, así como un avance do novo proxecto de musealización que a Deputación da Coruña está a desenvolver e que suporá o culme da recuperación integral do cenobio, iniciada hai dúas décadas pola institución provincial.
O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras; os autores do cómic, Ismael Blanco e Delio Rodríguez; o investigador e autor do libro San Juan de Caaveiro. Un monasterio entre la naturaleza, José Manuel Yáñez, responsable durante anos das actuacións rehabilitadoras da Deputación; e Alfredo González, redactor do novo proxecto museográfico.
A banda deseñada presentada hoxe pretende difundir a historia e o valor do Mosteiro de Caaveiro a través dunha linguaxe accesible e atractiva para todos os públicos. O cómic ofrece un percorrido didáctico pola traxectoria do mosteiro desde a súa fundación ata a actualidade, destacando o seu papel no Reino Medieval de Galicia, a súa función relixiosa, económica e social e o seu vencello coa contorna natural das Fragas do Eume.
"Caaveiro é un símbolo da nosa historia e da paisaxe das Fragas do Eume, e por iso decidimos tamén contar a súa historia nun formato novo e divulgativo como é a banda deseñada, co que queremos achegar este patrimonio á xente máis nova e a toda a cidadanía, para que o faga seu", afirmou o presidente Valentín González Formoso.
Durante o acto presentouse tamén un avance do novo proxecto de musealización, que integrará contidos históricos, artísticos, arquitectónicos e naturais mediante novas tecnoloxías e recursos de realidade virtual, e que permitirá aos visitantes interpretar a historia milenaria de Caaveiro.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que a musealización de Caaveiro será un referente no seu ámbito: "Non nos limitamos a restaurar edificios, senón que queremos darlles vida e sentido, contar as súas historias e poñelos ao servizo da cidadanía como espazos de coñecemento e emoción. Caaveiro ten mil anos de historia, pero esta musealización marcará un antes e un despois, como o marcou o seu día a acción da Deputación para recuperar o mosteiro do estado de esquecemento e abandono no que se atopaba".
Valor singular de Caaveiro
"Estamos a falar dunha das musealizacións máis importantes que se están a desenvolver actualmente en todo o Estado", asegurou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, que destacou o "valor singular" de Caaveiro non só polo seu carácter arquitectónico, senón pola súa dimensión histórica, natural e cultural.
Penas tamén puxo en valor o compromiso da Deputación coa conservación do patrimonio: "Temos en apenas 25 km de diferencia dúas formas diferentes de xestionar o patrimonio, a desidia ou protexer, coidar e por a disposición da sociedade aquelo que por mandato temos a obriga de protexer. E facémolo en Caaveiro como no resto dos nosos elementos patrimoniais espallados pola provincia."
"En Caaveiro hai moitos fitos na súa longa historia. E todos eles nos levaron á gran musealización do mosteiro de Caaveiro que hoxe presentamos, unha musealización que sen dúbida será un referente no Estado. Máis alo de falar de todo canto xa coñecemos, de facelo dunha forma didáctica e integradora, haberá un eixo principal que sempre estivo en Caaveiro e sen dúbida ten que continuar: a contemplación. Iso que fai diferente e especial toda esta contorna privilexiada. Non será o último paso en Caaveiro pois quedanos a nós e aos que nos sigan moito traballo por facer."