A Deputación da Coruña organiza catro visitas guiadas ao dolmen de Cabaleiros para lle achegar á veciñanza a investigación arqueolóxica en marcha
As visitas, comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, terán lugar os días 25 e 26 de setembro e 2 e 3 de outubro. A inscrición pode realizarse no Concello de Tordoia, no teléfono 981 69 00 01 ou no correo correo@tordoia.gal
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visitou esta semana o dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, acompañado de persoal técnico da institución provincial e do alcalde do municipio. O monumento, propiedade da Deputación da Coruña, é un dos conxuntos megalíticos máis destacados da provincia e está a ser obxecto dun proxecto de investigación arqueolóxica desenvolvido pola Universidade e financiado con fondos europeos.
Durante a visita, Xosé Penas puxo en valor o traballo que a Deputación está a desenvolver para a recuperación, conservación, mantemento e divulgación do monumento, e salientou a importancia de lle achegar á cidadanía non só o propio ben patrimonial, senón tamén o coñecemento que está a xerar a investigación arqueolóxica actualmente en marcha. "É fundamental que a veciñanza poida coñecer de primeira man o patrimonio que temos e, neste caso, tamén o traballo científico que se está a desenvolver para comprender mellor un monumento de tanta relevancia como o dolmen de Cabaleiros", sinalou o deputado.
Catro visitas para coñecer o dolmen e a investigación
Co obxectivo de divulgar estes traballos, a Deputación da Coruña organiza catro visitas guiadas ao dolmen de Cabaleiros, abertas á participación da cidadanía, que terán lugar nas seguintes datas:
- Venres, 25 de setembro, ás 19:00 horas
- Sábado, 26 de setembro, ás 11:00 horas
- Venres, 2 de outubro, ás 19:00 horas
- Sábado, 3 de outubro, ás 11:00 horas
As visitas estarán comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, integrante do equipo que participa no proxecto de investigación. Durante o percorrido, Concheiro explicará sobre o terreo a historia e as características do dolmen, así como os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver actualmente e os coñecementos que poden achegar para afondar na historia do monumento e da súa contorna. Para participar é necesario realizar inscrición previa no Concello de Tordoia, a través do teléfono 981 69 00 01 ou do correo electrónico correo@tordoia.gal.
Novos traballos para seguir investigando e mellorando a contorna
Xosé Penas avanzou tamén que a Deputación da Coruña ten previsto encargar nos vindeiros meses un novo proxecto que permita seguir avanzando no coñecemento arqueolóxico do dolmen e, ao mesmo tempo, executar melloras na súa contorna. O deputado destacou que os traballos de investigación actualmente en marcha permitirán coñecer nos próximos meses novos datos sobre o monumento, contribuíndo a ampliar o coñecemento existente sobre un dos elementos máis relevantes do patrimonio megalítico da provincia.
"Estamos ante un patrimonio que ten un enorme valor histórico e cultural e no que aínda queda moito por descubrir. O compromiso da Deputación é seguir investigando, conservando e divulgando o dolmen de Cabaleiros para que este coñecemento poida chegar ao conxunto da sociedade", afirmou Penas.
Sobre o dolmen de Cabaleiros
O dolmen de Cabaleiros, situado na parroquia do mesmo nome, no concello de Tordoia, é un dos monumentos megalíticos máis relevantes da comarca de Ordes. É propiedade da Deputación Provincial da Coruña e foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1975. Popularmente coñecido como Casa da Moura, o monumento está tamén ligado á tradición oral e ás lendas populares. Segundo unha delas, unha moura levou a laxa de cuberta sobre a cabeza mentres tecía coas mans.
O dolmen conserva seis das laxas dunha cámara poligonal e constitúe un dos elementos máis destacados do patrimonio megalítico da provincia da Coruña.
