Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra renovan o convenio de cooperación para avanzar no Parque Compostela Rupestre

A actualización do acordo marco establece unha comunidade intermunicipal para coordinar a protección, promoción e posta en valor do patrimonio de arte rupestre deses cinco municipios

O proxecto rexerase por un Consello de dirección rotatorio e contará co apoio técnico e administrativo da Deputación da Coruña

"O plan así continúa co seu impulso como elemento vertebrador da comarca en torno a cultura megalítica e dos petróglifos, e sobre todo como impulsor da protección e posta en valor dun elemento histórico cultural que nos fai grandes como país", valorou o deputado de Patrimonio Xosé Penas

A Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra renovan o convenio de cooperación para avanzar no Parque Compostela Rupestre

A Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra dan un novo paso para avanzar de maneira coordinada no proxecto do Parque Compostela Rupestre, coa renovación do convenio marco que asenta e afonda nas bases para a cooperación entre as cinco administracións locais e a institución provincial. Asinárono esta mañá o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; os rexedores de Brión e Val do Dubra, Pablo Lago Sanmartín e Diego Luis Díaz, e os concelleiros de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, e de Medio Ambiente de Ames, Javier Antelo.

O acordo permitirá promover e xestionar conxuntamente iniciativas destinadas á promoción e posta en valor da arte rupestre, aproveitando a dimensión supramunicipal dun patrimonio que se estende polos cinco concellos. O obxectivo segue a ser o de articular unha estratexia común no ámbito da promoción económica, o desenvolvemento territorial e o turismo.

A iniciativa aposta por un modelo de cooperación entre municipios que permita coordinar recursos, evitar duplicidades e mellorar a eficiencia das actuacións públicas, sen necesidade de crear unha nova entidade xurídica. O convenio define esa comunidade intermunicipal como un espazo estable de cooperación para a xestión compartida do proxecto.

Entre os traballos inmediatos do plan destaca a sinalización das rutas e dos elementos arqueolóxicos, a renovación do comité científico, o traballo en torno ás posibles adquisicións e a incorporación de novos concellos, como é o caso de Outes.

"O proxecto", sinalou Xosé Penas, "continúa co seu impulso como elemento vertebrador da comarca en torno a cultura megalítica e dos petróglifos e sobre todo como impulsor da protección e posta en valor dun elemento histórico cultural que nos fai grandes como país".

Segundo o titular de Patrimonio, a Deputación e os concellos seguen apostado "pola protección do patrimonio en maiúsculas, así coma pola dinamización doutras áreas que sempre teñan retorno no territorio e no coidado do que é de todos e todas".

Un Consello de dirección para coordinar o proxecto

O desenvolvemento de Compostela Rupestre estará coordinado por un Consello de dirección, no que terán representación os cinco concellos e a Deputación da Coruña.

O órgano contará con dous representantes de cada corporación municipal e dous da Deputación. A presidencia será rotatoria con carácter anual entre os concellos participantes, comezando polo municipio de menor poboación.

Entre as súas funcións estará o impulso político e a dirección do proxecto, así coma a aprobación inicial das propostas de actuación, o seguimento dos programas e a supervisión das actuacións que se desenvolvan ao abeiro do convenio. O Consello de dirección será o encargado de designar o persoal técnico responsable da elaboración do Plan de actuación.