Carballo formaliza a súa adhesión á rede de grupos de conversa ‘Falarmos Nós’ que impulsa a Área de Lingua da Deputación
A deputada de Lingua, Sol Agra, salienta que esta iniciativa «crea espazos seguros para que aquelas persoas que queiran dar o paso a falar en galego no seu día a día»
O Concello de Carballo formalizou este xoves a súa adhesión á rede de grupos de conversa en galego 'Falarmos Nós', que impulsa a Área de Lingua da Deputación da Coruña. No acto, que tivo lugar na Escola Xardín Agra de Caldas, interviñeron a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, acompañada do alcalde, Daniel Pérez, e da concelleira de Normalización Lingüística, Ánxeles Pacoret.
En Carballo existen dous grupos vinculados á rede, e a deputada aproveitou a xornada para repartir o material que se facilitará ás persoas participantes e á mediadora do grupo.
Durante o acto, Sol Agra agradeceulle ao Concello a súa implicación na defensa e promoción da lingua e salientou que «esta rede crea espazos seguros para que aquelas persoas que queiran dar o paso a falar en galego no seu día a día». Así mesmo, destacou «o importante número de participantes de outros países, que se achegan á lingua como un xeito de integrarse cultural e socialmente».
A iniciativa 'Falarmos Nós', impulsada pola Área de Lingua da Deputación da Coruña, nace coa vontade de crear espazos reais de uso do galego pensados para persoas que coñecen o idioma pero que, por diferentes razóns, non o empregan de maneira habitual. Os grupos están concibidos como espazos de uso da lingua e non como clases, polo que non se imparten contidos gramaticais, senón que se fomenta a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo.
O proxecto configúrase como unha rede interconectada de grupos que buscan incrementar o uso oral do galego nas relacións sociais cotiás e está aberta á participación de entidades locais e sociais, coa previsión de medrar progresivamente no conxunto da provincia.
