Estás en:Novas

As novas axudas da Deputación para ANPAS apoiarán con preto de 250.000 euros a 84 entidades da provincia

As asociacións, de centros educativos públicos, recibirán entre 1.500 e 6.700 euros para o desenvolvemento de proxectos e actividades de carácter educativo, formativo, cultural, de lecer e de conciliación

As novas axudas da Deputación para ANPAS apoiarán con preto de 250.000 euros a 84 entidades da provincia

A Deputación da Coruña destinará 246.537,29 euros a apoiar a actividade de 84 asociacións de nais e pais de centros educativos públicos da provincia. A institución vén de resolver a concesión das axudas correspondentes ao novo programa co que financia proxectos e actividades de carácter educativo, formativo, cultural, de lecer e de conciliación da vida familiar e laboral que desenvolven esas entidades.

A convocatoria ten como obxectivo apoiar o labor que desenvolven as ANPAS como axentes fundamentais da comunidade educativa, fomentando accións complementarias á educación regrada e promovendo a participación das familias na vida escolar. Financiará iniciativas como actividades extraescolares, saídas didácticas, reforzos educativos, encontros formativos e actuacións orientadas á inclusión, a igualdade de oportunidades, o uso da lingua galega e o respecto polo medio ambiente, que se deben desenvolver ao longo deste ano.

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, cun financiamento que oscila entre o 20 e o 80 % do orzamento subvencionable. Tal como recolle a resolución publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, as entidades solicitantes percibirán cantidades que oscilan entre os 1.500 euros e os 6.700.

A deputada de Educación, Yoya Neira, insistiu hoxe no compromiso da Deputación cunha educación pública de calidade e coa comunidade escolar "máis alá das aulas". Nese senso, destacou o "papel fundamental" que teñen as asociacións de nais e pais "non só á hora de facilitar a conciliación, senón tamén pola súa contribución ao propio ensino".

Salientou tamén o éxito da convocatoria, que practicamente esgotou o orzamento previsto nas bases, e valorou que estas inciden especialmente no apoio a "valores fundamentais", como son a igualdade, a inclusión e a participación.

O anuncio da resolución provisional das subvencións pode consultarse no número de hoxe do Boletín Oficial da Provincia da Coruña, na seguinte ligazón: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/31/2026_0000001913.pdf