Estás en:Novas

Sol Agra participa no acto institucional en que se inaugurou unha estatua en homenaxe á vítima do franquismo Moncho Reboiras

Na xornada, a deputada de Dereitos Civís estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Memoria Democrática, Míriam Louzao; e polo presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo.

Sol Agra participa no acto institucional en que se inaugurou unha estatua en homenaxe á vítima do franquismo Moncho Reboiras

A deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, participou o sábado en Santiago de Compostela no acto institucional de inauguración dunha estatua en homenaxe a Xosé Manuel Reboiras Noia, coñecido como Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975 cando contaba vinte e cinco anos.

O acto tivo lugar na Carreira do Conde, onde se sitúa a escultura promovida pola Comisión Organizadora das Homenaxes a Moncho Reboiras e realizada polo escultor Carlos Fernández xunto coa artista Cuqui Piñeiro. Na xornada, Sol Agra estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Memoria Democrática, Míriam Louzao; e polo presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo.

A inauguración converteuse nun espazo de lembranza e recoñecemento á figura de Moncho Reboiras e ao seu papel na loita pola liberdade e os dereitos democráticos, así como nunha chamada a continuar avanzando na recuperación e dignificación das vítimas da represión franquista.

No marco do acto, tamén se puxo en valor o compromiso institucional coa memoria histórica e democrática, nun entorno urbano que conta con outros elementos de homenaxe a persoas represaliadas polo franquismo, como as estatuas dedicadas a Ricardo Carvalho Calero e ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño, coñecidas como 'As Dúas Marías'.

O 12 de agosto de 2009, o Goberno de España recoñeceu oficialmente a Moncho Reboiras Noia como vítima do franquismo ao abeiro da Lei de Memoria Histórica, acreditando que sufriu persecución e violencia.