Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e as Madres de Plaza de Mayo selan en Bos Aires unha alianza pola memoria, os dereitos humanos e a defensa da democracia

Formoso, tras visitar a antiga ESMA: "A democracia e os dereitos humanos nunca deben darse por definitivamente conquistados"

O presidente provincial reuniuse tamén no CONICET co inmunólogo Gabriel Rabinovich e co seu equipo, no que traballan varios científicos descendentes de galegas e galegos

A Deputación da Coruña e as Madres de Plaza de Mayo selan en Bos Aires unha alianza pola memoria, os dereitos humanos e a defensa da democracia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe en Bos Aires coa Asociación Madres de Plaza de Mayo un protocolo de colaboración para desenvolver accións conxuntas destinadas a fortalecer os valores democráticos, os dereitos humanos e a memoria democrática.

O acordo asinouse durante a visita de Formoso, acompañado pola a deputada Rosa Ana García ao ECuNHi, Espacio Cultural Nuestros Hijos, situado no recinto da antiga ESMA, un dos principais centros clandestinos de detención, tortura e exterminio durante a ditadura arxentina e convertido hoxe polas Madres nun espazo dedicado á memoria, á educación e á cultura.

Formoso definiu a visita como "unha experiencia marcada pola emoción, a responsabilidade e compromiso" e destacou o enorme valor simbólico da transformación dun lugar asociado á represión e ao sufrimento nun espazo pensado para manter viva a memoria e transmitila ás novas xeracións.

"A transformación da antiga ESMA nun espazo de memoria, educación e cultura ten un enorme valor simbólico. O que foi un lugar de represión e sufrimento convértese hoxe nun lugar desde o que lembrar, aprender e construír futuro", afirmou.

O presidente da Deputación advertiu de que "a democracia e os dereitos humanos nunca deben darse por definitivamente conquistados" e incidiu na responsabilidade das institucións e da sociedade de preservalos e transmitilos ás novas xeracións.

Neste sentido, Formoso subliñou que "a memoria das vítimas é necesaria para evitar que episodios como os vividos durante as ditaduras nunca volvan a repetirse. En España tamén o sabemos".

O presidente provincial defendeu ademais que a conservación da memoria transcende as fronteiras nacionais. "Esta non é unha responsabilidade arxentina ou española: é unha responsabilidade mundial", afirmou, reivindicando a necesidade de apoiar o traballo desenvolvido polas organizacións de defensa dos dereitos humanos.

Vínculo galego coas Madres da Plaza de Mayo

Formoso puxo en valor a traxectoria das Madres de Plaza de Mayo e a súa loita durante décadas pola memoria, a verdade e a xustiza. A historia do movemento das Madres ten tamén na súas orixes unha conexión directa coa provincia da Coruña a través de mulleres como Dionisia "Nisa" López Amado, natural de Cedeira -onde foi nomeada Filla Predilecta cunha praza que leva o seu nome- e unha das mulleres que participaron desde os primeiros anos no movemento. O seu fillo, Antonio Adolfo Díaz López, nacido en Ferrol, e a súa nora, Stella Maris Riganti, foron secuestrados en maio de 1976 e continúan hoxe desaparecidos. Nisa dedicou boa parte da súa vida á reivindicación da verdade e da xustiza.

O protocolo establece un marco de colaboración entre a Deputación e a Asociación Madres de Plaza de Mayo para desenvolver e compartir iniciativas relacionadas cos dereitos humanos, a memoria democrática e a protección dos colectivos que historicamente sufriron exclusión ou vulneración dos seus dereitos.

Encontro persoal investigador de orixe galega no CONICET

No marco da súa axenda institucional en Bos Aires, Formoso visitou tamén o Instituto de Bioloxía e Medicina Experimental (IBYME) do CONICET, onde mantivo un encontro co doutor Gabriel Rabinovich e con integrantes do seu equipo de investigación.

Rabinovich é un recoñecido experto mundial en inmunoloxía que centra boa parte do seu traballo en España e Arxentina na investigación de novas estratexias terapéuticas contra o cancro e as enfermidades autoinmunes.

Durante o encontro, Formoso coñeceu de primeira man as principais liñas de investigación que desenvolve o equipo e interesouse especialmente polo traballo dos investigadores e investigadoras máis novas do centro, algúns e algunhas delas descendentes de galegas e galegos.

O presidente da Deputación destacou "o enorme talento mozo" que concentra o instituto e a importancia de apoiar a investigación científica e facilitar que as novas xeracións poidan desenvolver a súa carreira e transformar o coñecemento en avances que repercutan directamente na saúde e na calidade de vida da cidadanía.

Reunión co Goberno provincial de Bos Aires

Durante a súa visita institucional a Bos Aires, Valentín González Formoso e Rosa Ana García mantiveron tamén unha reunión co ministro de Goberno da provincia de Bos Aires, Carlos Bianco, no que abordaron as relacións entre ambos os territorios e analizaron posibles vías de colaboración institucional. A reunión serviu para poñer en valor os históricos vínculos que conectan a Galicia e a provincia bonaerense, marcados pola forte presenza da colectividade galega, e para explorar novas pontes de cooperación entre a provincia da Coruña e o Executivo que preside Axel Kicillof.