Estás en:Novas

A Deputación amplía ata o 30 de abril o prazo para solicitar as bolsas de estudo de inglés en Irlanda

Este programa pioneiro ofrece 60 prazas a estudantado de 1.º de Bacharelato para que perfeccione o seu inglés no estranxeiro durante catro semanas no verán

A Deputación amplía ata o 30 de abril o prazo para solicitar as bolsas de estudo de inglés en Irlanda

FOTO (ARQUIVO). Valentín González Formoso e Yoya Neira na presentación do programa

A Deputación amplía o prazo de inscrición do novo programa de bolsas de idiomas en Irlanda, permitíndolles aos mozos e mozas interesados poderen presentar as súas solicitudes ata as 14:00 horas do vindeiro xoves, 30 de abril. Ata o día de hoxe, rexistráronse xa máis de 70 solicitudes.

Esta convocatoria ofrece un total de 60 prazas para que alumnado de primeiro de Bacharelato da provincia realice unha estadía de inmersión lingüística de catro semanas durante o verán sen que as familias teñan que asumir ningún custo, xa que a institución provincial financia o 100% do programa, cun valor estimado máximo de 6.450,84 euros por persoa.

O obxectivo desta iniciativa é garantir a igualdade de oportunidades e facilitar o acceso a experiencias internacionais á mocidade dos concellos máis pequenos da provincia. A convocatoria está dirixida especificamente a estudantes que residan en calquera dos municipios da provincia a excepción das tres grandes cidades: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. O BOP publica hoxe unha modificación das bases que permite que o estudantado que curse os seus estudos nun centro público destas tres cidades poida optar á convocatoria, sempre e cando non resida en ningunha das tres grandes cidades.

A selección das persoas beneficiarias realizarase mediante un sistema de concorrencia competitiva que valorará tanto o expediente académico como a situación socioeconómica. Terán prioridade na puntuación as familias con ingresos máis baixos, buscando que a situación económica non sexa un impedimento para que a rapazada con bo rendemento escolar poida perfeccionar o seu nivel de inglés no estranxeiro.

Entre os requisitos académicos esixidos, as persoas solicitantes deberán estar escolarizadas en centros públicos, non ter materias suspensas en 4.º da ESO e contar cunha nota mínima de 6 na materia de inglés nese mesmo curso.

O programa de bolsas ofrece unha cobertura que inclúe todos os gastos derivados da experiencia, polo que as familias non terán que realizar ningún desembolso. O financiamento abrangue os voos de ida e volta dende A Coruña, os desprazamentos necesarios no país de destino, o aloxamento en residencia de estudantado en réxime de pensión completa, o seguro de accidentes e responsabilidade civil, así como o acompañamento de monitorado especializado.

A formación académica consisten nun curso intensivo de, polo menos, 15 horas semanais, que se completa cun curso preparatorio previo en liña e un amplo abano de actividades culturais e deportivas en Irlanda.

As bases completas do programa poden consultarse aquí:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/04/21/2026_0000002461.pdf

As solicitudes poden tramitarse aquí:

https://sede.dacoruna.gal/subtel/acceso/login