Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o persoal dos concellos con información ante o novo do proceso de regularización administrativa de persoas migrantes

A Área de Dereitos Civís habilitou un espazo na súa páxina web con información sobre a documentación e os pasos necesarios para que as persoas migrantes poidan acceder a este proceso, que remata a finais de xuño
Xa se realizaron as dúas sesións informativas en liña, con participación de máis de 180 profesionais municipais, para informar sobre a relación de entidades sociais rexistradas como colaboradoras do ministerio para a tramitación dos expedientes

A Deputación da Coruña apoia o persoal dos concellos con información ante o novo do proceso de regularización administrativa de persoas migrantes

A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Dereitos Civís, puxo en marcha unha iniciativa para fornecer de información especializada o persoal técnico que traballa en contacto directo coa cidadanía para afrontar o novo proceso de regularización extraordinaria aprobado polo Real decreto 316/2026. O obxectivo, segundo a deputada Sol Agra Tuñas, «é facilitar ferramentas prácticas e seguridade xurídica ao persoal municipal e das entidades sociais que deberá atender consultas relacionadas co novo escenario normativo».

Segundo a responsábel de Dereitos Civís, os concellos son a administración máis achegada á cidadanía e nos máis rurais «non existen asociacións ou delegacións de administracións estatais especializadas en atención á poboación migrante, polo que moitas se achegarán directamente ás oficinas municipais á procura de información».

Actualmente xa se realizaron dúas sesións formativas en liña impartidas por unha avogada especialista en estranxeiría, ás que se conectaron máis de 180 persoas, principalmente profesionais do traballo social —máis do 60% do total de inscricións—, mais tamén outros perfís como educación social e familiar, psicoloxía, orientación laboral e asesoramento xurídico dos centros de información á muller e doutras entidades sociais.

Sol Agra destacou tamén a participación do persoal de administración e padrón de numerosos concellos, «un ámbito especialmente relevante ao ser o empadroamento un requisito clave para os procesos de regularización administrativa».

A convocatoria da Deputación da Coruña logrou «unha ampla implantación territorial, con representación de 67 concellos da provincia», explicou a deputada, sendo especialmente significativa nas áreas de influencia de Santiago de Compostela e da Coruña, mais tamén houbo importante presenza de persoal técnico de municipios do ámbito rural.

Toda a documentación e a guía práctica están dispoñibles para a súa consulta e descarga na páxina web oficial da Deputación da Coruña, na sección de Dereitos Civís. Alí tamén se pode encontrar o listado de entidades colaboradoras para a tramitación e diferentes modelos de documentación, incluído o certificado de vulnerabilidade.

Toda a información será actualizada puntualmente no caso de que se modifique o real decreto que regula este procedemento.

Máis información na web da Deputación da Coruña.