A Deputación recoñece a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua
O xurado destaca o compromiso coa promoción e normalización do galego das persoas, entidades e proxectos premiados nesta edición
Os gañadores desta edición do certame, na que concorreron 31 candidaturas, recibirán un premio de 5.000 euros
A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G. O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.
Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua.
Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».
Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos» e o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».
Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.
No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.
Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.
O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.
