Sol Agra reivindica o festival ‘Aquí tamén se fala’ como exemplo de normalización lingüística desde as aulas
A deputada provincial de Lingua destacou o papel do profesorado e do alumnado na promoción do galego e apostou por levar iniciativas semellantes a máis centros educativos
Subliñou ademais que «a situación de emerxencia lingüística non é culpa da mocidade nin do incremento do alumnado migrante» e asegurou que esta experiencia demostra que o galego «pode ser un elemento de acollemento e dinamización educativa»
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, reivindicou esta mañá o festival 'Aquí tamén se fala' como un exemplo do papel que poden desempeñar os centros educativos na normalización do uso do galego entre a mocidade. Fíxoo durante a presentación da terceira edición desta iniciativa promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña para fomentar o uso social da lingua a través da música e doutras expresións culturais.
No acto participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o director do IES Rafael Dieste e coordinador do festival, Alberto Pombo; os coordinadores Ramón Barreiro e Arcadio González; e as artistas Marta Álvarez, do grupo De Ninghures, e Iago Lema, de Apolo 18.
Durante a presentación déronse a coñecer a programación, os obxectivos e as principais novidades desta terceira edición dun proxecto que naceu no ámbito educativo e que se consolidou como unha referencia na promoción do galego entre a xente nova.
Na súa intervención, Agra destacou que 'Aquí tamén se fala' «é unha iniciativa feita por profesorado e alumnado dun instituto dunha cidade», feito que demostra que as campañas de normalización lingüística que se fan desde os centros educativos «poden funcionar na normalización do uso do galego entre a mocidade». A deputada subliñou ademais que «a situación de emerxencia lingüística non é culpa da mocidade nin do incremento do alumnado migrante» e asegurou que esta experiencia demostra que «a lingua pode ser un elemento de acollemento e dinamización educativa».
A responsábel provincial de Lingua defendeu a necesidade de estender iniciativas semellantes a máis centros educativos e de dotar os centros dos recursos necesarios para impulsar o uso do galego. Neste sentido, apostou por reforzar o acollemento lingüístico do alumnado que chega de fóra e por facilitar profesorado e materiais que acheguen a cultura galega aos intereses da mocidade a través da música, o audiovisual, a creación de contidos, os libros ou os videoxogos.
«Temos unha cultura vizosa, pero precisamos reverter os prexuízos e os centros educativos son fundamentais», afirmou Agra, que cualificou 'Aquí tamén se fala' como «un exemplo de que as cousas se poden facer ben» para afrontar a situación de emerxencia lingüística.
