A Área de Dereitos Civís da Deputación destina case 150.000 euros a proxectos municipais de recuperación da memoria democrática
A deputada Sol Agra e o alcalde de Arzúa Xoán Xesús Carril presentaron en Arzúa a resolución provisional do programa FO208/2026, do que son beneficiarios os nove concellos o solicitaron
«Con esta convocatoria de axudas queremos animar aos concellos a cumprir coa lei de memoria democrática. Seguen quedando simbolos franquistas nos rueiros e espazos públicos que supoñen unha exaltación dunha época dictatorial na que non tíñamos nin dereitos nin liberdades. Homenaxear ás vítimas do franquismo e dar a coñecer a represión brutal que Franco exerceu sobre a poboación é necesario para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade comprometida, activa e responsábel coa democracia e a xustiza" sinalou a deputada de Dereitos Civís
A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presentou hoxe en Arzúa a resolución provisional do programa FO208/2026, destinado a financiar a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos, a realización de actividades de divulgación e a sinalización de espazos vinculados á recuperación da memoria democrática. No acto participaron a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.
Ao abeiro destas axudas, a Deputación achegará 57.892,33 euros a nove concellos da provincia. Os municipios beneficiarios son A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Camariñas, Mañón, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño, Santa Comba e Valdoviño. As contías oscilan entre os 3.000 e os 10.000 euros, segundo os proxectos presentados e os criterios establecidos na convocatoria.
Entre as iniciativas apoiadas cómpre sinalar actuacións de investigación e divulgación sobre a represión franquista, proxectos comunitarios de recuperación da memoria democrática, actividades de homenaxe ás vítimas, eliminación de elementos de exaltación da ditadura e propostas de sinalización e posta en valor de espazos de memoria.
Durante a presentación, Sol Agra salientou que "estas axudas permiten aos concellos desenvolver políticas públicas de memoria democrática e avanzar no cumprimento das obrigas establecidas pola lexislación vixente". A deputada destacou que «recuperar a memoria silenciada durante décadas é un acto de xustiza que aínda, 50 anos despois da morte do ditador Franco, seguimos agardando» e incidiu na importancia de apoiar iniciativas que contribúan a facer visíbeis as historias das persoas que sufriron a represión.
A responsábel provincial sinalou tamén que «a recuperación da memoria democrática non consiste só en retirar símbolos da ditadura, senón tamén en construír coñecemento colectivo e fortalecer os valores democráticos» e defendeu o papel das administracións públicas na preservación e difusión desta memoria.
Pola súa parte, o alcalde de Arzúa, expresou que "grazas a esta liña, o Concello recibirá 9.300 euros para un proxecto de investigación, difusión e recoñecemento ás mulleres que loitaron e apoiaron a loita contra o fascismo durante a Guerra Civil e a ditadura franquista".
