Estás en:Novas

Carral reabre o seu complexo deportivo, renovado cun investimento de 165.000 euros da Deputación

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e a deputada de Plans, Cristina García, inauguraron as novas instalacións, melloradas a través do Plan Único

A actuación permitiu reorganizar os espazos interiores, ampliar a sala de musculación, crear unha nova sala de actividades e renovar pavimentos, iluminación, ventilación e climatización

Esta é unha das 58 obras financiadas polo Plan Único en Carral, onde a A Deputación leva investidos máis de 15 millóns de euros na última década

Carral reabre o seu complexo deportivo, renovado cun investimento de 165.000 euros da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto ao alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e a deputada de Plans, Cristina García, na inauguración do renovado centro deportivo municipal, situado na rúa Paleo, tras a reforma interior executada polo Concello co apoio económico do Plan Único da Deputación.

A actuación, cun investimento de 165.000 euros, permitiu modernizar un equipamento público de referencia para a veciñanza, ao tratarse do único complexo deportivo municipal de Carral. As obras centráronse na mellora interior das salas destinadas á práctica deportiva, mantendo os accesos e os vestiarios existentes, pero gañando funcionalidade, comodidade e mellor aproveitamento dos espazos.

Durante a visita, Formoso destacou que esta obra "é un exemplo claro de cómo o Plan Único axuda aos concellos a dotarse de mellores infarestruturas e servizos. Agora, a veciñanza de Carral dispón dun complexo deportivo público moderno e versátil para practicar deporte en mellores condicións".

A deputada de Plans, Cristina García, destacou que a autonomía que ofrece o Plan Único aos concellos á hora de seleccionar o destino dos fondos. "Os concellos son os que mellor coñecen as necesidades da veciñanza", afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, agradeceu o apoio da Deputación e salientou a importancia desta reforma para ofrecer aos usuarios e usuarias unhas instalacións máis modernas, cómodas e adaptadas ás necesidades actuais.

A reforma permitiu modificar a distribución interior do centro. A antiga sala de actividades e a sala de máquinas aeróbicas e de musculación reorganizáronse para ampliar a superficie destinada ao exercicio físico. Ademais, a antiga zona de SPA, que se atopaba en desuso desde hai anos, transformouse nunha nova sala de actividades, coa creación tamén dun cuarto auxiliar e dun almacén para dar servizo ás distintas salas deportivas.

Os traballos incluíron tamén a renovación de boa parte dos acabados interiores. Na nova sala de actividades colocouse pavimento laminado, novos espellos, revestimentos interiores e falso teito. Na sala de máquinas e musculación uniformouse o pavimento con pintura epoxi, renováronse os paramentos verticais e instaláronse novas espaldeiras.

A intervención incorporou ademais novas luminarias, tomas de electricidade e telecomunicacións, así como un novo sistema de ventilación e climatización nas salas de actividade deportiva, co obxectivo de mellorar o confort e a funcionalidade das instalacións.

Esta obra é unha das 58 actuacións financiadas polo Plan Único da Deputación no Concello de Carral na última década, cun investimento provincial que xa supera os 15 millóns de euros, dos que 7 foron a través do POS+. Estes fondos permitiron executar melloras en infraestruturas, equipamentos e servizos municipais, reforzando a capacidade do Concello para atender as necesidades da poboación.