Estás en:Novas

Valentín González Formoso destaca en Santa Comba o papel do Plan Único na mellora dos servizos e infraestruturas municipais

O presidente da Deputación e o alcalde visitaron as obras de reforma e ampliación dos vestiarios do campo municipal de Fontenla, as novas beirarúas da rúa Pontevedra e a mellora das instalacións deportivas da parroquia de Ser.

A Deputación acumula 28 millóns de euros de investimento en Santa Comba nos once anos de goberno de Formoso

Santa Comba recibirá este ano 2,6 millóns de euros do POS+2026, "recursos que permiten atender as necesidades de Santa Comba", subliñou Formoso

Valentín González Formoso destaca en Santa Comba o papel do Plan Único na mellora dos servizos e infraestruturas municipais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar Landeira, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron hoxe as obras de reforma e ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Fontenla, unha actuación financiada a través do Plan Único da Deputación cun investimento de 203.885 euros.

A intervención, xa rematada, permitiu modernizar unhas instalacións deportivas moi utilizadas polos clubs e pola veciñanza, mellorando a funcionalidade, a accesibilidade e as condicións de uso dos vestiarios. O incluíu a reforma dos vestiarios existentes baixo a bancada, tanto os destinados aos equipos como os dos árbitros, coa renovación de duchas, bancos, acabados, instalacións e equipamentos interiores.

Ademais, a actuación incluíu a ampliación da zona de vestiarios mediante o acondicionamento de espazos anexos á bancada que estaban sen uso, nos que se habilitaron novos vestiarios, un deles accesible, así como zonas de almacén e instalacións. Tamén se mellorou a envolvente exterior da edificación, coa renovación da cuberta e da fachada, ademais da urbanización exterior para facilitar os accesos.

Durante a visita, Formoso puxo en valor "a revolución que supuxo o Plan Único no financiamento dos municipios" ao multiplicar entre tres e catro veces os fondos que a Deputación destina aos concellos. "Cando chegamos ao goberno da Deputación, o POS era de 24 millóns de euros. Este ano xa superamos os 153 millóns, o que supón un apoio clave para que concellos como Santa Comba poden mellorar os seus servizos e infraestruturas", apuntou.

Formoso e Romar tamén visitaron as obras de reposición das beirarrúas na rúa Pontevedra e a mellora dunha pista de tenis na parroquia de Ser. No caso da instalación deportiva, renovouse a pavimentación, o peche perimetral, a rede de drenaxe a iluminación, o que contou cun orzamento que roza os 95.000 euros; mentres que a actuación na rúa Pontevedra, orzada preto de 142.000 euros, permitiu renovar 1,3 quilómetros de beirarrúas, colocando novos bordes de formigón, baldosas e novo mobiliario urbano.

O presidente da Deputación destacou que estes proxectos "explican moi ben para que serve o Plan Único: para actuar onde os concellos detectan as necesidades". "É un plan pensado para que os recursos cheguen directamente aos concellos, sen imposicións e sen tutelas, porque son os concellos os que mellor coñecen as prioridades da súa veciñanza", sinalou.

Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, agradeceu o apoio da Deputación e destacou a importancia do Plan Único para poder executar actuacións necesarias no municipio. Romar subliñou que a colaboración provincial permite avanzar en proxectos que melloran os servizos municipais e contribúen a fixar poboación no rural.

Nos case once anos de goberno de Valentín González Formoso, a Deputación acumula máis de 28,5 millóns de investimentos en Santa Comba, dos que 16,2 millóns corresponden ao Plan Único (POS+), que permitiron financiar 77 obras no municipio. Entre elas figuran actuacións de mellora de infraestruturas deportivas, como os vestiarios do campo municipal de Fontenla, a e intervencións en núcleos rurais, como a mellora da seguridade viaria en San Cristovo.

Só este ano, Santa Comba recibirá 2,6 millóns de euros do POS+2026, o principal instrumento de cooperación económica da Deputación cos concellos da provincia.