Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta ás ANPAS de Ferrolterra as novas liñas de axuda para apoiar a conciliación e a participación educativa

Yoya Neira reuniuse en Narón con representantes das asociacións de nais e pais dos centros públicos da comarca para recoller as súas propostas e necesidades e incorporalas ao programa

A Deputación da Coruña presenta ás ANPAS de Ferrolterra as novas liñas de axuda para apoiar a conciliación e a participación educativa

A deputada de Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Yoya Neira, mantivo hoxe no Local Social A Solaina, en Narón, un encontro con representantes das ANPAS dos centros públicos de Ferrolterra para dar a coñecer as novas liñas de subvencións impulsadas pola institución provincial e escoitar de primeira man as necesidades e demandas da comunidade educativa da comarca.

Durante a reunión, a deputada explicou os detalles da convocatoria dirixida ás asociacións de nais e pais, unha liña de apoio que permite financiar actividades educativas, culturais, formativas e de participación ao longo do curso escolar.

Entre as actuacións subvencionables destacan os programas de conciliación familiar, como os servizos de almorzos e madrugadores; actividades extraescolares de apoio educativo, música, teatro ou educación ambiental; así como iniciativas destinadas a fomentar a convivencia nos centros, previr o acoso escolar e promover valores de igualdade, diversidade e respecto.

Yoya Neira destacou que esta liña de axudas, estreada pola Deputación este ano, responde a unha demanda histórica das familias e das propias ANPAS, que desempeñan un papel esencial na organización de servizos e actividades que complementan a formación do alumnado e contribúen á conciliación da vida familiar e laboral. A deputada lembrou que a primeira edición deste programa permitiu apoiar a 84 asociacións da provincia cun investimento de máis de 242.000 euros, financiando proxectos moi diversos relacionados coa conciliación, a educación, o deporte, a cultura e a convivencia escolar.

"As ANPAS son unha peza clave para mellorar a conciliación, impulsar actividades complementarias e fortalecer a participación das familias na educación dos seus fillos e fillas. Desde a Deputación queremos estar ao seu lado e ofrecer ferramentas útiles para que poidan seguir desenvolvendo este importante labor", sinalou.

A deputada agradeceu a participación das entidades asistentes e incidiu na importancia de manter unha comunicación directa co tecido asociativo educativo para coñecer a realidade de cada comarca e adaptar as políticas públicas ás necesidades existentes. "Escoitar ás ANPAS é fundamental para seguir mellorando e ver a forma de incorporar as súas demandas a estas liñas de axudas", afirmou.

O encontro de Narón é o último da rolda de reunións que a deputada de Educación e Mocidade está a desenvolver por diferentes comarcas da provincia co obxectivo de difundir as convocatorias da Deputación, facilitar o acceso ás axudas e recoller propostas que permitan seguir fortalecendo a colaboración coa comunidade educativa.