Estás en:Novas

A Deputación financia 15 bolsas de estudo no mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC

A institución provincial axudará a 15 persoas a formarse cubrindo o 100% do importe da matrícula.

O presidente, Valentín González Formoso, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras, asinaron hoxe un convenio entre ambas institucións que tamén inclúe a organización conxunta do 'Foro de Coñecemento e Innovación titulado Territorios que lideran: o futuro comeza no local'

A Deputación financia 15 bolsas de estudo no mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións que ten como obxectivo impulsar a formación especializada a través do financiamento de 15 bolsas de estudo que cubrirán o 100% do importe da matrícula no Mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC. Ademais, tamén busca fomentar o intercambio de experiencias e a transferencia de coñecemento no ámbito do municipalismo e a xestión pública local a través dun foro conxunto.

Un dos eixes principais desta colaboración é a dotación económica de 8.500 euros destinada ao financiamento de quince bolsas de estudo, que cubrirán ata o 100% do importe da matrícula oficial no Mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC para o vindeiro curso académico 2026-2027. Estas axudas distribúense para beneficiar tanto aos profesionais da administración local como ao estudado en xeral, reservando oito delas para o persoal técnico en activo da propia Deputación da Coruña e dos concellos da provincia, e as outras sete para estudantes residentes no territorio provincial vinculados ao campo das Ciencias Políticas.

O Mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras, impartido na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, é o único posgrao oficial do sistema universitario de Galicia especificamente enfocado nesta materia, constando de 60 créditos e ofrecendo dous itinerarios diferenciados que abordan retos clave como o liderado multinivel, a participación democrática, as novas tecnoloxías nos servizos públicos e a captación de fondos.

O futuro comeza no local

A segunda gran liña de actuación prevista no convenio conta cun orzamento de 21.000 euros para a organización conxunta do 'Foro de Coñecemento e Innovación titulado Territorios que lideran: o futuro comeza no local'.

Este evento deséñase coma un gran espazo de encontro e debate académico e institucional orientado a analizar os desafíos actuais do municipalismo e a gobernanza avanzada.

O presidente provincial subliñou a importancia deste acordo sinalando que "os concellos son a primeira liña de atención á cidadanía e os que reciben os maiores impactos dos cambios sociais, polo que precisan, máis ca nunca, ferramentas de vangarda e profesionais altamente cualificados".

Así mesmo, fixo especial fincapé no valor de apoiar a formación continua no ámbito da administración local, explicando que as quince bolsas financiadas pola Deputación buscan dar unha oportunidade real tanto ao persoal técnico que xa traballa nos concellos como aos mozos e mozas graduados en Ciencias Políticas que queren orientar o seu futuro cara ao servizo público.

Formoso concluíu asegurando que "o foro conxunto que se organizaremos USC e Deputación converterá á Coruña nun espazo de debate de referencia para pensar e deseñar o municipalismo do futuro".