A Deputación pon en valor nos Premios Isabel Zendal o pensamento crítico como “a mellor vacina contra a desinformación”
José Ramón Rioboo participou no acto de entrega da VIII edición destes galardóns, desenvolta no Paraninfo da Reitoría da UDC
O deputado de Economía e Facenda, José Ramón Rioboo, participou hoxe no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña no acto de entrega da VIII edición dos Premios Isabel Zendal de Promoción do Pensamento Crítico en ESO e Bacharelato, unha iniciativa impulsada pola UDC e a asociación Círculo Escéptico para fomentar entre a mocidade a reflexión, a análise rigorosa e a capacidade de argumentar con criterio.
Nesta edición presentáronse 27 candidaturas, unha cifra superior á do ano pasado, nas distintas categorías dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional.
Durante a súa intervención, Rioboo destacou a importancia de promover o pensamento crítico entre a xente nova nun contexto marcado pola desinformación, os discursos de odio, a violencia verbal nas redes sociais e a difusión de mensaxes que buscan manipular ou dividir.
O deputado chamou ao alumnado a non deixar que "nin un algoritmo, nin unha rede social, nin un titular" pensen por eles e advertiu da preocupación polo avance de ideas machistas, racistas ou intolerantes entre a mocidade.
Neste sentido, defendeu a educación como a mellor ferramenta para facer fronte a estes discursos. "Unha sociedade con pensamento crítico é unha sociedade máis libre, máis xusta e máis difícil de manipular", subliñou.
Rioboo felicitou o alumnado premiado e agradeceu o labor do profesorado "por abrir espazos de debate nas aulas e ensinar algo fundamental para a vida: a capacidade de pensar, argumentar e convivir".
A figura de Isabel Zendal
O deputado lembrou que o nome destes premios remite a unha figura galega esencial na historia da saúde pública. Isabel Zendal participou a comezos do século XIX na Expedición Balmis, que levou a vacina da varíola a América e Filipinas.
Rioboo puxo o foco na conexión directa desta historia coa cidade da Coruña e coa Deputación. A expedición partiu do porto coruñés o 30 de novembro de 1803 e nela viaxaban 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que levaron inoculada a vacina na súa propia pel para mantela viva durante a travesía.
"Naquel tempo non había neveiras nin medios para conservar unha vacina durante unha viaxe tan longa. A vacina foi pasando de brazo en brazo e grazas a aqueles nenos puido chegar a América e salvar millóns de vidas", explicou.
O deputado sinalou que os nomes e datos daqueles menores se conservan aínda hoxe en documentos orixinais no Arquivo Provincial da Deputación da Coruña. "É unha historia nosa, da Coruña, e seguramente aínda non a contamos o suficiente", afirmou.
Rioboo comparou aquela vacina contra a varíola coa necesidade actual de protexerse fronte aos bulos e a manipulación. "Hoxe as ameazas son distintas, pero tamén perigosas. Contra a mentira, contra os discursos de odio e contra a desinformación tamén necesitamos vacinas. A vacina de hoxe é o pensamento crítico", indicou.
Relación de premiadas
Na categoría A, destinada ao alumnado de 1º a 3º de ESO e Formación Profesional Básica, o primeiro premio foi para Valeria Santiago Rosende, dotado con 300 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC. O segundo premio recaeu en Helen Esinam Okuto Ahedor, con 200 euros e unha colección de libros, e o terceiro foi para Vera Touriño Bello, con 100 euros e unha colección de publicacións da Universidade.
Na categoría B, dirixida ao alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio, o primeiro premio foi para Victoria Crespo Carballo, dotado con 300 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC. O segundo premio foi para Carmen Martín Gutiérrez, con 200 euros e unha colección de libros, e o terceiro para Cristina Herrador Arranz, con 100 euros e unha colección de publicacións.
O acto contou tamén coa participación da vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC e presidenta do xurado, María Cristina Naya Riveiro, que destacou a importancia de dotar o alumnado de ferramentas para analizar a información de maneira rigorosa e responsable.
