A Deputación inicia Beira (Carral) os traballos para localizar unha das fosas da represión franquista
A deputada de dereitos civís, Sol Agra, e o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, participaron na xornada inaugural da cata xunto ao persoal técnico do grupo de investigación da USC Histagra
A área de dereitos civís da Deputación promove no cemiterio de Beira (Carral) unha intervención arqueolóxica para determinar a localización dunha das fosas onde foron enterradas vítimas da represión franquista que se desenvolverá ata o 17 de xullo. A deputada provincial, Sol Agra, estivo esta mañá na xornada inicial, acompañada do alcalde, José Luis Fernández Mouriño e membros da Asociación Cultura Aberta de Carral que levan anos investigando e homenaxeando as vítimas do golpe de estado do 36 soterradas neste cemiterio.. Os traballos están financiados pola entidade provincial con fondos do Ministerio de Política Territorial e Memoria democrática e serán realizados polo grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC), dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho
A deputada, Sol Agra sinalou que "o inicio destes traballos no cemiterio de Beira é un novo paso no compromiso da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña coa memoria democrática e coa dignificación das vítimas da represión franquista". Así, sinalou que "traballamos para garantir o dereito á verdade e á reparación das familias, pero tamén para preservar unha memoria colectiva baseada nos valores da democracia e dos dereitos humanos".
"Desde a área de dereitos civís seguiremos impulsando políticas públicas de memoria democrática. Recuperar ás vítimas, identificar os seus restos cando sexa posible e devolverlles o seu nome e a súa historia é unha cuestión de xustiza e dignidade, aínda que pouca xustiza pode haber cando pasaron 90 anos da morte do ditador e seguimos tendo mortos nas cunetas e ningún dos asasinos foi xulgado"
A realización desta cata arqueolóxica da empresa Tempos Arqueólogos, , coordinada por José Carlos Sánchez Pardo (USC- CISPAC) chega despois dunha investigación histórica, realizada polo historiador Xurxo Antelo, que permitiu saber máis sobre a represión exercida na zona, así como sobre a evolución e transformación do espazo do cemiterio desde o ano 1936. Ata o momento, tal e como se reflicte no estudo, está documentado o asasinato e enterramento de como mínimo 18 persoas. Con todo, como se indica, a cifra de vítimas podería ser superior. A elaboración desta investigación correu a cargo de Histagra en colaboración con Cultura Aberta de Carral.
Segundo o estudo, o camposanto conta con dúas fosas. Unha delas atópase parcialmente destruída, mentres que a outra non está localizada. O proxecto engloba, non só a propia investigación e cata arqueolóxica, senón tamén a divulgación social e académica destes traballos. En función dos resultados obtidos, iniciaríase unha segunda fase na que se abriría a fosa e examinaríanse os restos achados.
Esta intervención está encadrada dentro do convenio subscribido entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Alén da actuación de Carral, o programa incluirá labores arqueolóxicos e forenses similares en Serantes (Ferrol) e Boisaca (Santiago de Compostela). O acordo conta cun investimento de 150.000 euros procedentes de fondos provinciais.
