A Deputación conclúe a busca de 4 vítimas do franquismo en Lousame tras non ser atopadas
A área de Dereitos Civís, liderada pola deputada Sol Agra, financiou os traballos de búsqueda co cofinanciamento da FEMP
Trátase da terceira vez que se intervén neste cemiterio de Vilacoba; na primeira atopouse un corpo con un tiro no cráneo
"Estas intervencións son importantes, non só pola posibilidade da devolución dos restos ás familias para que podan enterralos dignamente, senón tamén pola visibilización social duns feitos, os da represión franquista, que se están pretendendo normalizar e incluso negar"
A Deputación da Coruña, desde a área de Dereitos Civís e co cofinanciamento da FEMP, fixo unha nova intervención no cemiterio de Vilacoba para buscar os restos de Manuel García Hermo que, durante o golpe de estado de 1936, foi secuestrado á saída do seu traballo en Ribeira e tamén os do coñecido como o "triple crime de Marselle" en febreiro de 1938: Perfecto Félix Vilas Romero, María Xosefa Becerra Laíño e Antonio Vilas Romero.
Esta mañá deuse conta dos resultados infrutuosos dos traballos de exhumación, nun acto no que estaban presentes o neto de Manuel Hermo e o de Xosefa Becerra, así como deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, e concelleiros da corporación, Juan Hermida da CRMH do Barbanza, o forense Fernando Serrulla (coordinador dos traballos) e o arqueólogo Andrés Bonilla.
Aínda que os resultados foron negativos, Agra recordou "que estas intervencións son importantes, non só pola posibilidade da devolución dos restos ás familias para que podan enterralos dignamente onde eles consideren, se non tamén pola visibilización social duns feitos, os da represión franquista, que se están pretendendo normalizar e incluso negar."
A deputada comprometeuse coa CRMH do Barbanza a colocar unha placa cos nomes e historias das vítimas soterradas en Vilacoba e a solicitar que o cemiterio se declare Lugar de Memoria Democrática, segundo o recollido na Lei 20/2022 de memoria democrática.
