A Deputación da Coruña e o grupo de investigación HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela colaboran no proxecto: Xeración perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña. O seu principal obxectivo é o de recuperar a historia das corporacións municipais que en tódolos ámbitos do territorio da provincia da Coruña (no mundo urbano, vilego e rural) fixeron fronte ao golpe militar de 1936, ao tempo que se amplía o coñecemento existente sobre os concellos da provincia da Coruña e a súa vida política na fase final da II República
Esta recuperación estase a facer mediante un traballo de recollida, organización, sistematización e análise da información sobre a sua composición, actividade e traxectoria persoal dos integrantes (especialmente da súa situación como consecuencia da represión).
A provincia da Coruña contaba en 1936 con 94 municipios, pero a maior parte dos traballos históricos se centran nas grandes cidades, mentres se sabe pouco do que aconteceu na maior parte das corporacións, coas persoas que eran a representación mais visible do poder en zonas nas que a feble implantación dos organismos da administración estatal os convertía en especialmente relevantes. Por iso, a recuperación desta parte da historia local pode ofrecer unha visión máis completa da complexa e diversa realidade da provincia da Coruña naquela altura. Unha visión que coloque a lente sobre os concellos en toda a súa diversidade pode axudar a desfacer visións simplificadoras e ás veces erróneas sobre a nosa realidade.
A equipa de investigación está composta por membros de HISPONA e colaboradores externos do grupo: Emilio Grandío Seoane, Eliseo Fernández Fernánez, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo.
Os obxectivos xerais do proxecto son: ampliar o coñecemento existente sobre os concellos da provincia da Coruña na fase final da II República; retratar a vida política dos concellos coruñeses na última etapa do período republicano; e recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936
Para achegar máis información podedes contactar a través do correo xeracionperdida@dacoruna.gal