Estás en:Servizos Sociais Persoas maiores A teleasistencia provincial

A teleasistencia provincial

contigo-mellor.jpgA Deputación Provincial da Coruña vén prestando o Servizo de Teleasistencia desde o ano 1999. En principio en colaboración  co IMSERSO e a FEMP mediante un convenio tripartito. Desde  o ano 2013 a xestión e financiamento do Programa están a cargo desta deputación en exclusiva, contratándose a prestación do servizo a unha empresa especializada nisto.

A solicitude realízana os servizos sociais do concello de residencia da persoa. As persoas solicitantes deben contactar cos servizos sociais comunitarios do seu concello de residencia onde han de valorar a súa situación e orientar cos documentos para a solicitude.

OBXECTIVOS DO PROGRAMA

O servizo ten como obxectivo  proporcionar seguridade e tranquilidade ás persoas usuarias e aos seus familiares garantindo a atención en caso de emerxencia. Para iso conta con capacidade para mobilizar recursos en caso de emerxencia sanitaria, domiciliaria ou social durante as 24 horas do día todos os días do ano, ofrecendo un acompañamento profesional que se pode particularizar en función das necesidades das persoas usuarias. O funcionamento deste sistema consiste no contacto permanente das persoas usuarias cunha central de atención. Estas persoas dispoñen dun terminal conectado á súa rede telefónica, que se acciona con só premer o botón da pulseira ou medallón que deben levar sempre consigo.

 

FUNCIONAMENTO DO SERVIZO: CONTIDOS

O funcionamento desenvólvese mediante o contacto permanente das persoas usuarias cunha central de atención conectada a un terminal na súa rede telefónica. O contacto cos profesionais  da central realízase  simplemente con premer o botón da pulseira ou medallón que deben levar sempre consigo.

O servizo ten como obxectivo  ofrecerlle seguridade e tranquilidade á persoa usuaria e aos seus familiares garantindo a atención en caso de emerxencia. Para iso conta con capacidade para mobilizar recursos en caso de emerxencia sanitaria, domiciliaria ou social durante as 24 horas do día todos os días do ano.

Para este obxectivo o servizo de teleasistencia desenvolverá as seguintes accións:

  • Garantir a comunicación interpersoal, bidireccional, ante calquera necesidade as 24 horas do día, os 365 días do ano.
  • Proporcionar atención inmediata e adecuada ante situacións de emerxencia a través de persoal especializado.
  • Proporcionarlle atención presencial á persoa usuaria cando esta sexa necesaria.
  • Mobilizar recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, domiciliaria ou social.
  • Previr, detectando precozmente as situacións de risco que poidan darse.
  • Proporcionarlles seguridade e tranquilidade ás persoas usuarias e aos seus familiares garantindo a atención en caso de emerxencia.
  • Facer un seguimento permanente da persoa usuaria desde un Centro de Atención, mediante chamadas telefónicas periódicas (de familiarización, de cortesía e felicitación, de seguimento quincenal, de recordatorio, de fin de ausencia) coa finalidade de estar presentes na súa vida cotiá, potenciar hábitos de vida saudable e actualizar os datos do expediente socio sanitario da persoa usuaria.
  • Xestionar axendas específicas subscritas entre a empresa/entidade prestadora do servizo e a persoa usuaria a pedimento desta, da súa familia ou persoas achegadas, que permitan lembrarlles tomas de medicación, actividades ou citas.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

As persoas beneficiarias directas do programa son 90 concellos da provincia con menos de 70.000 habitantes adheridos ao programa (actualmente atópanse adheridos todos excepto Muros, Santiago de Compostela e A Coruña). Son persoas usuarias potenciais as maiores de 65 anos, que residen nestes concellos, que deben reunir a condición de non dependentes de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, e cumprir as condicións recollidas no REGULAMENTO TAD 2023.pdf, onde se sinala que vai dirixido a:

  • Persoas que vivan soas, maiores de 65 anos ou que padecen una enfermidade ou diversidade funcional que lles impida desenvolverse na casa con autonomía.
  • Persoas que conviven con outra, e unha das dúas ten máis de 65 años e/ou padece unha enfermidade ou diversidade funcional que lle limita a súa autonomía persoal e doméstica.
  • Calquera persoa en situación de risco (persoas enfermas, anciáns ou con diversidade funcional) que viven soas ou permanezan nesta circunstancia a maior parte do día.

 

REQUISITOS DE ACCESO AO SERVIZO

O servizo é gratuíto para todas as persoas que cumpran as condicións para ser usuarias, recollidas no Regulamento de funcionamento do Programa de entre elas destacamos:

  • Non ter recoñecido grao de dependencia no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. No caso de que a persoa solicitante teña en trámite a solicitude de recoñecemento de dependencia deberá reflectirse no informe social. Se despois de estar de alta a persoa usuaria, recoñéceselle grao de dependencia, deberá informar o concello e a deputación causando baixa no programa provincial, cando teña dereito efectivo á mesma prestación polo sistema de atención á dependencia.
  • Os ingresos anuais da persoa solicitante non deben superar o límite establecido e que se fixa na contía correspondente a 2,5 veces o valor do IPREM anual en 14 mensualidades. Para os efectos do cálculo dos ingresos anuais teranse en conta os ingresos netos de catorce pagas (pensións, prestacións económicas, retribucións...) así como os rendementos de capital da persoa solicitante.
  • Ter designada unha persoa de contacto que teña acceso ás chaves da vivenda da persoa usuaria, para a súa utilización no caso de necesidade de acceso nunha emerxencia, nas condicións valoradas pola empresa adxudicataria do servizo en canto á distancia entre os domicilios.

 

DESENVOLVEMENTO DO SERVIZO: CONTIDOS DO SERVIZO E OUTRAS FUNCIONALIDADES.

Ao comezo do Servizo, os profesionais da empresa realizan unha valoración persoal, social e do contorno das necesidades específicas do usuario que dá lugar ao PIA-T Proxecto Individual de Atención de Teleasistencia. Esta valoración da tipoloxía de acompañamento que se precisa, elabórase despois de coñecer as necesidades e preferencias de cada unha das persoas usuarias e facendo unha valoración personalizada das funcionalidades que require cada unha. Como resultado desta valoración establécese o Perfil de Risco social (Severo, Moderado ou Leve) que especifica as necesidades máis particulares da intervención. Ademais, no protocolo da alta valórase  no contorno da persoa usuaria a instalación de dispositivos  periféricos tales como: detector de gas, de fume, de movementos, alarma…

 

CUSTO DO SERVIZO

O contrato vixente establece un orzamento de 720.000 euros, cun importe máximo para 4 anos de 2.880.000,00 euros (IVA incluído).

  

EVOLUCIÓN E DATOS CUANTITATIVOS - CUALITATIVOS DA POBOACIÓN ATENDIDA

Durante o exercicio 2020 prestouse atención a un total de 3.085  persoas, e tramitáronse un total de 1.678  expedientes de alta, baixa, suspensión, continuación, cambio de titularidade e outros. Na actualidade o Programa dá servizo a máis de 2.800 persoas e conta con capacidade para aumentar o número de persoas usuarias hasta as 3.482

 

XESTIÓN TAD PROVINCIAL- DATOS CUANTITATIVOS 2020

Nº de terminais dispoñibles en contrato

3.482

Nº de terminais instalados

2.262

Nº de altas

701

Nº de baixas

383

Expedientes denegados

29

Suspensións e reanudacións

22

Requirimento documentación

364

Nº total de expedientes tramitados

1.628

Nº total de persoas usuarias do programa

3.085

 

Se en calquera ano o aumento de persoas usuarias é progresivo ao longo do período, no ano 2020 a pandemia por Covid-19 e o maior illamento que sofren as persoas maiores e a soidade no medio rural fixo que o número variase en resposta á situación sanitaria e social vivida.

 grafica-teleasistencia.jpg

Tipoloxía de usuarios/as do programa

 A 31.12.20 a tipoloxía de persoas usuarias de alta no programa foi a que reflicte o cadro seguinte, para un total de 2.706 usuarias/os.

Persoas maiores

Persoas con

diversidade f.

Totais

2.652

54

2.706

 

 maiores-diversidade-funcional.jpg

 

Rango de idade

É unha das variables  que nos permite coñecer cualitativamente máis de preto o perfil das persoas usuarias do Servizo, por idade. A distribución é a seguinte:

 

Rango de idade

Número de persoas

% sobre o total

Máis de 80 anos

2.053

75,87 %

De 75 a 79 anos

385

14,23 %

De 65 a 74 anos

225

8,31 %

Menos de 65

43

1,59 %

 

 rango-idade.jpg

 

Un dos datos máis destacables é o da idade: un 75,87 % das persoas usuarias son maiores de 80 anos. Un 14,23 % corresponden ao grupo de idade entre 75 e 79 anos; e 8,31% corresponde ao grupo de idade entre 65 e 75 anos.

 

Unidade de convivencia.

 A tipoloxía da unidade de convivencia das persoas usuarias é unha das características máis significativas do programa xa que a TAD responde á necesidade de acompañamento a persoas que viven soas ou pasan soas gran parte do día, ás que se poida axudar para que sigan vivindo no seu medio habitual. É importante destacar que 1.869 persoas  o 69,06 % das persoas usuarias que viven soas  1.395 un 74,64 %  son maiores de 80 anos.

 

Nesta modalidade de convivencia unipersoal 1.869 persoas viven soas, e de entre estas 1.602 son mulleres o que supón un 85,71%  do total.

 

 mulleres-homes.jpg

Ao longo destes 10 anos continuamos vendo que o perfil máis destacado do Programa é o dunha muller maior de 80 anos viúva que vive soa.

 

Nesta liña a proxección que fai o Plan de Acción de Servizos Sociais sinala   para o 2030 en termos comarcais, un afondamento do proceso de avellentamento que provoca que, incluso en determinados territorios, o grupo de poboación de maior volume estea constituído polas mulleres maiores de 85 anos.

 

Evolución do número de persoas atendidas nos últimos 10 anos

 Na gráfica de evolución de número de usuarios dos últimos anos apréciase o cambio cuantitativo tan significativo deste ano.

 evolucion-usuarios.jpg

 Evolución do número de persoas usuarias de 2.011 a 2.020

Como dato relevante sinalar que nos últimos 10 anos do programa o número de persoas usuarias aumentou en 1.500.  Na gráfica obsérvase unha subida lenta pero progresiva;  nunca se deu un estancamento do programa, a pesar de que as persoas entran ao programa a unha idade moi avanzada un % moi importante por encima dos 75 anos.

 

Valoración e retos de futuro.

No ano 2019 estudamos o uso do programa de TAD polos concellos adheridos ao programa, en relación á súa poboación de máis de 65 anos. Encontrándose unha gran diverxencia no uso do recurso. Destacando que 34 concellos teñen menos do 1% de persoas usuarias do programa entre a súa poboación de máis de 65 anos.

 

Como conclusión pódese valorar que hai unha infrautilización deste recurso posto á disposición dos concellos, quizais en relación cunha orientación dos servizos sociais comunitarios focalizada na demanda da poboación máis vulnerable, en detrimento de intervencións comunitarias e políticas preventivas, que fan que as solicitudes de Alta da maior parte de usuarios se fagan nun momento en que toman contacto cos servizos sociais e se tramita a dependencia.

Tal e como se recolle no Plan de Acción de Servizos Sociais  Na actualidade por cada 100 maiores de 65 anos hai, aproximadamente, en Galicia 17 maiores de 85 anos, sendo a estimación para o 2030 de 19 persoas maiores de 85 anos por cada 100 maiores de 65 anos. Isto enfróntanos a un reto:  sen deixar de responder a unha demanda crecente de recursos para as persoas máis vulnerables recuperar o traballo comunitario e de prevención cos  maiores máis mozos,  entre as prestacións de apoio e acompañamento está o programa de Teleasistencia provincial.