8 de marzo. Encontro mulleres migrantes
Desde Igualdade quérese celebrar o 8M facendo especial fincapé nas mulleres migrantes, lembrando a través dun encontro en formato xornada que enfrontan múltiples barreiras no seu camiño e no exercicio pleno dos seus dereitos. A miúdo son vítimas de discriminación interseccional, que combina factores de xénero, orixe e situación socioeconómica, dificultando o seu acceso ao emprego digno, educación e servizos e dereitos básicos.
É fundamental que o Día Internacional da Muller sirva como unha plataforma para visibilizar estas problemáticas e reivindicar políticas inclusivas que promovan a equidade e o respecto polos seus dereitos. Ademais, as mulleres migrantes desempeñan un papel esencial na sociedade, contribuíndo tanto económica como culturalmente ao desenvolvemento das súas comunidades de acollida. Con todo, os seus esforzos e loitas adoitan quedar invisibilizados.
Na actualidade, as mulleres migrantes enfrontan múltiples desafíos no seu proceso de integración social, laboral e cultural. As barreiras lingüísticas, a precariedade laboral, a falta de acceso a unha vivenda digna e a tripla discriminación por xénero, orixe e situación administrativa irregular agravan a súa situación de vulnerabilidade.
Crear espazos de diálogo e reflexión, como este Encontro, permite recoñecer as súas historias, xerar redes de apoio que fortalezan o seu empoderamento e participación activa na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Con motivo do Día Internacional da Muller visibilizaremos as súas historias, reivindicaremos os seus dereitos e fomentaremos o diálogo sobre as políticas e prácticas necesarias para garantir a súa inclusión e benestar, xerando un espazo de diálogo e reflexión sobre as experiencias, desafíos e estratexias de resistencia das mulleres migrantes na sociedade actual.
O encontro reunirá a activistas, expertas, representantes da comunidade migrante e público en xeral para compartir testemuños e propostas sobre as políticas e prácticas necesarias para garantir a súa inclusión e benestar. Falaremos de violencias invisibles e vulneración de dereitos, interseccionalidades, diversidade étnica e de xénero e compartiremos experiencias e estratexias de resistencia. O encontro finalizará co monólogo antiracista e afrofeminista de Asaari Bibang.
Obxectivos do encontro:
- Promover o diálogo e a reflexión ao redor da realidade das mulleres migrantes destacando os seus desafíos, logros eachegas á sociedade.
- Examinar a situación laboral das mulleres migrantes e as súas condicións de traballo, con especial atención ao sector dos coidados.
- Sensibilizar sobre os dereitos laborais e a protección social das mulleres migrantes.
- Abordar a contratación en situación administrativa irregular, a economía mergullada e a falta de espazos seguros.
- Reflexionar sobre as condicións emocionais e físicas das mulleres migrantes.
- Visibilizar a interseccionalidade de vulnerabilidades e as triplas discriminacións que enfrontan.
- Fomentar a creación de redes de apoio e a conquista do lecer e goce persoal como parte do benestar integral.
- Difundir boas prácticas e experiencias de éxito na inclusión e empoderamento de mulleres migrantes.
- Visibilizar as experiencias de mulleres migrantes en distintos ámbitos (laboral, social, cultural etc.)
- Crear un espazo de encontro e debate con profesionais e activistas.
- Sensibilizar sobre a importancia da inclusión e a equidade de xénero na migración.
- Ofrecer ferramentas para o empoderamento de mulleres migrantes.
Contaremos como facilitadora do encontro coa entidade Yarama África, entidade sen ánimo de lucro que deseña e desenvolve proxectos sociais e culturais cun importante transfondo social sobre Feminismo, antirracismo e compromiso social. Coa misión de facilitar a promoción e defensa dos dereitos e liberdades da poboación migrante en especial daquela que se atopa en exclusión ou risco de exclusión social, mediante unha atención integral e unha mellora no acceso aos recursos locais.
Detalles do encontro:
Data: 7 de marzo de 2025
Lugar: No Circo de Artesáns (Rúa San Andrés 36)
Hora: 9.15-14.00
Inscrición neste formulario