Tradutores
Calquera texto que se traduza automaticamente debe ser revisado por unha persoa con coñecementos suficientes da lingua e da cultura onde se produza ese documento. Aínda que as ferramentas de tradución automática melloraron notablemente nos últimos anos, continúan presentando limitacións na interpretación do contexto ou nos termos que escolle, o que pode chegar a alterar o significado orixinal ou diminuír a calidade comunicativa do texto.
A revisión humana permite garantir unha tradución precisa, natural e axeitada ao contexto, ao público destinatario e ao propósito comunicativo. Deste xeito, evítanse ambigüidades, erros de interpretación ou formulacións pouco naturais que poderían afectar negativamente á comprensión da mensaxe ou á imaxe profesional da entidade emisora.
No ámbito da documentación administrativa, esta comprobación adquire unha relevancia especial, pois cómpre termos maior precisión nos termos escollidos, que o texto sexa coherente e que se respecten os requisitos normativos para evitarmos erros que poidan ter consecuencias legais, procedementais ou operativas. Por iso, unha revisión coidadosa contribúe a garantir a validez, a claridade e a fiabilidade da documentación, reforzando a súa eficacia e seguridade xurídica.
