Xosé Lois Penas e María Muíño defenden ‘A Luz da ciencia’ como ferramenta para superar as fendas de xénero nas disciplinas científicas
"Estas xornadas deben crear vínculos entre a sociedade científica e tamén poñer luz no eido das dificultades que atopan as mulleres á hora de formarse, de incorporarse ao mercado laboral e de desenvolver unha carreira profesional de dedicación e investigación no eido da ciencia", salientou o deputado provincial de Patrimonio
A responsable de Igualdade, María Muíño, apostou pola transversalidade para romper as barreiras da discriminación por sexo: "Entendemos que o traballo pola igualdade de xénero, para ser expansivo, para acadar unha transformación real, ten que chegar a todas as áreas e a todas as accións de goberno"
O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, inaugurou esta tarde no Pazo de Mariñán as IV Xornadas 'A luz da ciencia', unha iniciativa do departamento que dirixe na Deputación da Coruña e que nesta cuarta edición presenta un programa, desde hoxe ata o sábado, que pon o foco na perspectiva de xénero e ciencia nas aulas, na realidade laboral e teito de cristal e no enfoque na comunicación científica.
"Estas xornadas teñen un dobre motivo; por unha parte, crear vínculos entre a sociedade científica en xeral e, por outra, poñer luz no eido das dificultades que se atopan as mulleres á hora de formarse, incorporarse a un mercado laboral e, o que aínda é peor, poder desenvolver unha carreira profesional de dedicación e investigación no campo da ciencia", explicou Penas. "Para iso", engadiu, "isto ten que ser un foro de debate, un lugar de encontro de diferentes visións sobre o paraugas da ciencia, mais sobre todo ten que ser un espazo onde algunhas das nosas mellores científicas nos expliquen as súas experiencias, vivencias, e proxectos en diferentes ámbitos científicos".
Penas salientou o "privilexio da contar estes días no Pazo de Mariñán e no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología da Coruña (Muncyt) cunha parte importante de investigadoras, comunicadoras, docentes e técnicas que van facer que máis que nunca poñamos algo de luz sobre a ciencia".
O deputado defendeu que as administracións deben ter "un deber divulgativo, ao mesmo tempo que lexislativo na medida das nosas competencias en materia de igualdade". Neste sentido, eloxiou a labor desempeñada polos seus compañeiros do BNG na Deputación: "Na Deputación témolo claro, porque así o demostramos día a día a través da área de Igualdade xestionada por María Muíño, pero entendemos que non abonda con que só se fale de igualdade nesa área, porque estamos seguros de que todas e cada unha das áreas deben ter en conta esa perspectiva. E non falamos soamente de resolver as incoherencias a través de cotas, falamos de facelo a través da pedagoxía e da transversalidade e dun cambio de paradigma físico e mental de todos os que temos a obrigar de resolver situacións de inxustiza".
A responsable de Igualdade, María Muíño, apostou pola transversalidade para romper as barreiras da discriminación por sexo: "Entendemos que o traballo pola igualdade de xénero, para ser expansivo, para acadar unha transformación real, ten que chegar a todas as áreas e a todas as accións de goberno". "Ademais da falta de invisibilidade", sinalou, "existen outras moitas barreiras que é necesario derrubar e que cómpre analizar, e con esta idea nos xuntamos nestas xornadas, que nos ofrecen a oportunidade de analizar os cambios lexislativos que deben contribuír a minimizar desigualdades e a acadar o avance das mulleres na carreira científica".
Relatorio
Mireia Colom e Susaina Figuera (da Fundació catalana per a la recerca i la innovació) levaron hoxe ao programa o relatorio "Didáctica das ciencias experimentais", no que se abordaron temas como a análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas, a educación CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), o tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas, a reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes. Tamén interviron, vía streaming, Patricia Canut, Gemma Serra, Mari Luz Guenaga e Maria José Lodeiros.
As xornadas continuarán mañá no Pazo da Mariñán (18 horas) coas palestra "Ciencia, investigación e xénero", a cargo de María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García e Zulema Varela Río, todas da da Rede galega de investigadoras. Rematarán o sábado no Muncyt (11.30 horas) co relatorio "Divulgación, comunicación científica e xénero", a cargo de Maite Vence, de OBSERVER; Isa Loureiro, ilustradora, e Paula Otero Sánchez, divulgadora e científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade.