A Deputación inicia a construción dunha pasarela para o paso seguro dos peóns sobre a vía do tren na avenida Santa Icía, en Narón
Valentín González Formoso visitou hoxe a obra, que conta cun orzamento de 307.989,15 euros e que permitirá conectar as dúas marxes mellorando a seguridade e a accesibilidade dos peóns
Ademais dotarase de nova iluminación á pasarela, construiranse ramplas de acceso a esta e rehabilitarase o firme da ponte, entre outras actuacións
O presidente destacou que "esta infraestrutura responde a unha demanda veciñal e institucional de hai décadas e permitirá garantir unha maior seguridade viaria para os milleiros de transeúntes que pasan por enriba desta vía de tren"
Valentín González Formoso realizou hoxe unha visita ás obras de construción dunha pasarela peonil na DP-5403 sobre a vía do tren na avenida Santa Icía, en Narón, que contan cun orzamento de 307.989,15 euros e que teñen o obxectivo mellorar a accesibilidade e crear un paso peonil seguro.
O presidente, que avaliou a marcha dos traballos acompañado da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacou que "esta pasarela responde a unha demanda veciñal e institucional de hai décadas e permitirá garantir unha maior seguridade viaria para os milleiros de transeúntes que pasan por enriba desta vía de tren". Formoso manifestou a colaboración permanente do Concello e da cidadanía e agradeceu a esta última a "paciencia durante a espera e agora durante as molestias que poidan xurdir coas obras".
Pola súa banda, a rexedora do municipio agradeceu o investimento no municipio "porque nos permite levar a cabo unha mellora na accesibilidade que ata día de hoxe non existía, con todos os problemas que iso supoñía, sobre todo na contorna dun pavillón". Tamén amosou a súa satisfacción pola boa sintonía entre o ente provincial e o Concello.
A actuación estase a levar a cabo na ponte existente sobre a liña ferroviaria de FEVE na avenida de Santa Icía, que permitía o tráfico rodado e peonil. Porén, os peóns non tiñan as condicións de seguridade e accesibilidade necesarias, xa que se trataba dunha vía de dobre sentido de circulación que contaba cunhas beirarrúas estreitas, pouco accesibles, por exemplo, para as cadeiras de rodas o os carriños dos nenos pequenos.
Así pois, co obxectivo de eliminar este punto negro, está a construírse unha plataforma metálica paralela á ponte da DP-5403 para o tránsito peonil. Esta terá cunha lonxitude de 18 metros e un ancho de 2 metros e contará con iluminación ao longo do seu percorrido e ramplas de acceso a ambos lados para garantir a accesibilidade de todas as persoas.
Dentro das actuacións tamén se procederá á demolición das beirarrúas existentes na ponte da DP-5403 e posterior fresado e rehabilitación do firme para mellorar o paso dos vehículos. As tarefas incluirán a reposición de servizos soterrados (iluminación pública, eléctrica...), substitución da varanda de protección existente por un pretil metálico para a contención de vehículos e reposición e colocación das marcas viarias horizontais e verticais.
A actuación manterá o trazado da vía existente e garantirá o acceso ás vivendas e garaxes da zona, así como as conexións con outras vías existentes. Mentres duren as obras produciranse cortes de tráfico na avenida Santa Icía, na rúa San Carlos e afección na zona de aparcamento na rúa María Mariño.