A Deputación destina 420.000 euros ao desenvolvemento de políticas de Igualdade e loita contra a violencia de xénero
Esta liña de axudas está destinada a entidades sen fins de lucro de toda a provincia, que poderán recibir un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 40.000. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá ata as 14 horas do próximo 3 de marzo
A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que dirixe a deputada María Muíño, vén de aprobar unha nova liña de axudas para entidades sen fins de lucro co ánimo de promover o desenvolvemento de programas de Igualdade entre homes e mulleres e impulsar a loita contra a violencia de xénero durante 2022.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe as bases dunha convocatoria que ten por obxecto promover programas e accións que incidan na igualdade de xénero e afondar na erradicación da violencia machista e que consignará unha partida de 420.000 euros, cun mínimo de 1.000 euros e un máximo de 40.000 para cada entidade beneficiaria. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá ata as 14 horas do próximo 3 de marzo.
"Desde o departamento de Igualdade da Deputación temos que apoiar políticas de igualdade que promovan accións de empoderamento e participación social, programas de mellora da empregabilidade, actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres ou proxectos que incidan no eido da conciliación familiar e a responsabilidade compartida", explicou María Muíño. "Nese sentido", engadiu, "queremos seguir avanzando nos grandes eixes do noso plan de acción, como son a Escola de Formación e Igualdade, que se complemente coas liñas xa postas en marcha, caso da rede de axentes pola igualdade, e para iso é imprescindible que subvencionemos programas socioeducativos, ben formulados e planificados, e que teñan continuidade".
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da presente convocatoria, realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.