Estás en:Novas
25N - Día Mundial pola Erradicación da Violencia contra as Mulleres

A Deputación da Coruña centra o acto institucional do 25N nos discursos que disfrazan o machismo como unha libre elección ou estilo de vida

O presidente, Valentín González Formoso, destacou que o lema elixido pola Deputación, "De fronte", expresa a única postura posible ante a violencia machista

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, alerta do avance de narrativas que pretenden erosionar os avances conquistados polas mulleres

A Deputación da Coruña centra o acto institucional do 25N nos discursos que disfrazan o machismo como unha libre elección ou estilo de vida

A Deputación da Coruña celebrou hoxe o acto institucional do 25N, no que puxo o foco nos novos discursos que, baixo a aparencia de libre elección, reproducen roles de xénero considerados tradicionais e alimentan as violencias machistas. A institución alertou da presenza crecente, especialmente entre a mocidade, de correntes que idealizan a submisión feminina e reforzan a desigualdade a través de movementos como as tradwives, a estética coquette, a manosfera ou as manipulacións dixitais mediante intelixencia artificial. O acto contou tamén cunha intervención artística da poeta e artista performativa Lucía Aldao.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que, desde que existen estatísticas oficiais, 1.333 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España, 38 delas só no que vai de ano, e advertiu de que estas cifras "non admiten matices nin equidistancias e obrigan a mirar a realidade de fronte".

Subliñou que o lema escollido pola institución, "De fronte", expresa a única postura posible ante a violencia contra as mulleres: "de fronte aos maltratadores, ao recorte de dereitos, á neutralidade cómplice e aos discursos negacionistas que pretenden minimizar esta realidade e deixan as vítimas máis soas". Reafirmou que a Deputación "estará sempre a carón das vítimas" e denunciou o avance de mensaxes que trivializan ou cuestionan a violencia de xénero.

Formoso destacou ademais o compromiso real da institución, que se traduce en recursos, políticas públicas e accións educativas sostidas. Lembrou que en dez anos o orzamento de Igualdade incrementouse máis dun 100% e que se desenvolveron estratexias que inclúen cláusulas de perspectiva de xénero na contratación pública e a incorporación das competicións femininas no deporte provincial. Valorou tamén o labor das Casas de Acollida da Coruña e Ferrol e dos programas educativos Suprime e Control, fundamentais nun contexto no que "o 30% das denuncias proceden de mulleres menores de 30 anos e un de cada catro mozas recoñece sufrir control por parte das súas parellas". Concluíu asegurando que a Deputación seguirá "loitando, educando, respondendo e protexendo de fronte" para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias.

Unha violencia que segue a ser estrutural

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, denunciou que a violencia contra as mulleres "segue a ser estrutural, diaria e enraizada na desigualdade" e advertiu do avance de discursos que pretenden "disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida". Alertou do impacto do acoso, da manipulación e do control exercido a través das redes sociais, onde se difunden contidos que normalizan a desigualdade e exercen presión estética e odio sobre as máis novas. Subliñou a necesidade de fortalecer a educación en igualdade, promover pensamento crítico e dotar de recursos suficientes as políticas públicas feministas para contrarrestar estas narrativas e garantir que a mocidade acceda a información veraz e segura. "Poñer fin á violencia machista é un obxectivo irrenunciable e prioritario", afirmou.

A deputada apelou finalmente a manter unha resposta firme e colectiva fronte a quen pretende inverter os avances en igualdade e reafirmou o seu compromiso coa protección dos dereitos das mulleres en todos os concellos da provincia.

No acto tamén se procedeu a unha lectura coral do manifesto deste 25N, a cargo de representantes dos tres principais partidos da corporación provincial. Pechou o acto, novamente, Lucía Aldao.

Unha campaña que dá protagonismo á mocidade

A campaña provincial deste 25N inclúe unha xornada monográfica dedicada ás novas violencias e un circuíto de obradoiros interxeracionais que terán lugar en dez concellos da provincia. O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas á adolescencia e tamén a persoas adultas, destinadas a facilitar ferramentas para identificar, comprender e combater estas formas de violencia. Ademais, difundiranse materiais gráficos e audiovisuais —reels, infografías e outros contidos— que estarán dispoñibles na web defronte.gal.