Valentín González Formoso destaca o “investimento histórico” do Plan Único en Cambre, que supera os 7,6 millóns en cinco anos
O presidente provincial pon en valor o "modelo obxectivo e transparente" da Deputación: "A diferenza da Xunta, apostamos pola autonomía municipal para que os concellos decidan en que invisten os fondos"
Os 420 alumnos e alumnas do CEIP Wenceslao Fernández Flórez desfrutan da nova pista deportiva do colexio. Tamén se renovaron os parques infantís de Anceis e Andeiro
Están en execución as obras das novas bancadas e vestiarios do campo de fútbol de Brexo Lema, cun importante investimento de 657.218 euros
Valentín González Formoso e Óscar García Patiño visitaron algunhas das 45 obras que financia a Deputación da Coruña no municipio
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Cambre, onde puxo en valor as actuacións levadas a cabo no municipio a través do Plan Único.
"Desde a súa creación hai cinco anos, o Plan Único supuxo un investimento histórico de 7,6 millóns de euros en Cambre, dos que case 5 millóns se destinaron a investimentos no municipio, cun total de 45 obras aprobadas, que contribúen a mellorar as infraestruturas municipais e a calidade de vida dos veciños de Cambre", afirmou Valentín González Formoso, que detallou que dentro destes investimentos se inclúen melloras de rúas, prazas e espazos públicos, mellora de infraestruturas deportivas ou de servizos básicos coma o saneamento e abastecemento de auga.
González Formoso puxo en valor "un modelo onde a Deputación, a diferenza da Xunta de Galicia, está apostando pola autonomía municipal para que os concellos decidan a que dedican os recursos que se lles transfiren de forma obxectiva e transparente". "Creo que esta é a mellor forma de dinamizar a vida económica e social dos concellos, de democratizala e de activala para facer que siga avanzando nun mundo como o da administración municipal que é o máis próximo á realidade diaria da xente", subliñou.
Acompañado polo alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, Valentín González Formoso visitou unha das principais obras financiadas con fondos provinciais que está actualmente en execución no municipio: a construción de novas bancadas e vestiarios no campo de fútbol de Brexo Lema. Un proxecto ambicioso, que conta cun orzamento de 657.218 euros e que permitirá crear unha nova edificación de dúas plantas para albergar tanto as bancadas cubertas como os vestiarios. Ademais, tamén se situarán alí as estancias dedicadas aos labores administrativos, a enfermería, cafetería, aseos, ximnasio, sala de reunións e prensa, así como a instalación dun ascensor para favorecer o acceso das persoas con mobilidade reducida.
Óscar García Patiño salientou a "boa relación coa Deputación" e explicou que "nós gastamos os cartos onde a xente nos di que é necesario, tíñamos un déficit en infraestrutura deportiva e parques infantís e agora estamos tamén creando beirarrúas e sendas peonís". O rexedor destacou que a obra no campo de Brexo Lema "é moi necesaria" e "unha demanda desde hai moitos anos" e lembrou que "o club cedeu o terreo a cambio de facer un campo de fútbol de herba artificial, o que foi o primeiro investimento que fixo aquí a Deputación, e o segundo serán estas bancadas".
González Formoso e García Patiño supervisaron tamén os novos parques infantís de Anceis e Andeiro, remodelados con cargo ao Plan Único cun investimento de 60.000 euros. A actuación incluíu a substitución do pavimento e a colocación de novos xogos e mobiliario urbano. Súmanse así aos parques da Barcala e da rúa Francisco Rodríguez, mellorados tamén con fondos provinciais no municipio.
Moitos dos parques infantís construídos ou renovados na provincia da Coruña nos últimos anos nos concellos da provincia foron executados con cargo ao Plan Único, que renovou 72 áreas de xogo para os máis pequenos cun investimento global superior aos 7 millóns de euros.
Renovación da pista do CEIP Wenceslao Fernández Flórez
O presidente e o alcalde de Cambre tamén visitaron as obras de renovación da pista exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, financiadas a través dun convenio polo que a Deputación aporta 72.800 euros dos 91.200 euros que se invisten no proxecto.
Na pista polideportiva exterior, ademais de renovar a plataforma, marcáronse as pistas de fútbol e baloncesto e instaláronse novas porterías e canastras regulamentarias. Tamén se realizaron intervencións nos accesos e peches A maiores, colocáronse bancos e unha zona de céspede artificial con pérgola de madeira, creando unha zona de espera cuberta para as persoas asistentes e acompañantes.
O municipio recibirá 702.109 euros no Plan Único 2022
O Concello de Cambre xa aprobou os investimentos do Plan Único deste ano (POS+2022), para o que ten asignados un total de 702.109,04 euros. En canto a investimentos, incluíu a realización da primeira fase de mellora do paseo marítimo, a rehabilitación do pavimento da pista polideportiva da Balastreira e a mellora da pista polideportiva do Temple.
A Deputación destinará ademais 121.260 euros para gasto social derivado da pandemia no municipio. Axudas a colectivos especialmente vulnerables, reforzo do persoal dos servizos sociais, incremento de horas de servizo de Axuda no Fogar ou programas de conciliación da vida familiar e laboral son algunhas das cuestións ás que o Concello de Cambre pode destinar estes fondos.
Ademais, Cambre presentou ao Plan Único Complementario 2022 outros dous proxectos, valorados en 303.343,10 euros: a mellora funcional da rúa Rocón e a primeira fase da mellora funcional e da accesibilidade do parque Ramón Barba.
Mellora da calidade de vida da veciñanza
O investimento acometido en Cambre a través do Plan Único ascende a 7.674.664 euros, dos cales 4,7 millóns de euros se destinaron a investimentos no municipio, cun total de 45 obras aprobadas, que contribúen a mellorar a calidade de vida e os servizos do municipio en diferentes ámbitos.
Os proxectos aprobados permitirán levar a cabo melloras en servizos como saneamento e abastecemento de auga, por exemplo en Granduil e a Pena e en Corgo, Outeiro e Bandebó; obras de rexeneración urbana e mellora de infraestruturas como a do campo de fútbol de Brexo Lema, os parques infantís, a remodelación da parada de bus da rúa Tapia, a creación dunha zona de aparcamentos no Temple, a reforma integral da praza Fernando Buesa, a mellora da accesibilidade no polígono, a reordenación da rúa María Mariño, ou o aumento da seguridade viaria na rúa Miguel González Garcés e no camiño das Gamelas.