A Deputación avanza nos trámites de expropiación para as obras de mellora da seguridade da estrada de Ponte do Porto a Camelle, en Camariñas
Os titulares dos terreos están citados o 8 de marzo no Museo Man de Camelle para que a Deputación efectúe o pago dos depósitos previos
O proxecto suporá un investimento de preto 200.000 euros e inclúe a construción de beirarrúas, a realización dunha zona de estacionamento, e a renovación do pavimento e da iluminación
A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia o anuncio de pago de depósitos previos á ocupación dos 43 predios afectados polo proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-1601 que vai de Ponte do Porto a Camelle, no Concello de Camariñas. Os veciños e veciñas propietarios dos terreos afectados están citados o 8 de marzo entre as 16:15 horas e as 17:45 h., no Museo Man de Camelle para que a Deputación efectúe o pago dos depósitos previos.
Unhas obras nas que a Deputación da Coruña investirá 187.438,46 euros e que inclúen a construción de beirarrúas en ambas marxes da estrada cun ancho medio de 2 metros, a dotación de beiravías de 0,5 metros, a execución dunha zona de estacionamento de vehículos en liña na marxe dereita da estrada entre os PK 4+310 e 4+420 e, por último, a renovación do pavimento de todo o tramo.
Ademais, no proxecto tamén se contempla a renovación da iluminación existente na estrada e a reposición dun tramo de rede de saneamento na marxe esquerda, entre os PK 4+250 e 4+350, xa que resultará afectado pola execución das obras, que contan cun prazo de execución de 5 meses desde o inicio dos traballos.