A Deputación destina 138.000 euros á renovación do pavimento na DP-0812 entre Sada e O Espírito Santo, en Bergondo
Os traballos de reposición do firme realizaranse entre os puntos quilométricos 2+000 e 3+800
O proxecto, en fase de licitación, contempla a retirada da masa vexetal, a disposición dunha nova capa de mestura asfáltica en quente e a renovación da sinalización na estrada
A Deputación da Coruña destinará un importe de 137.920,01 euros á mellora da estrada DP-0812 entre Sada e O Espírito Santo, na parroquia bergondesa de Lubre. O proxecto, en fase de licitación, inclúe a actuación entre os puntos quilométricos 2+000 e 3+800. O prazo de presentación de ofertas finaliza o 21 de marzo.
O principal obxectivo da intervención é corrixir o deterioro e reforzar a infraestrutura debido á conexión da vía co polígono industrial do Espírito Santo e a consecuente circulación de vehículos de gran tonelaxe.
As obras comezarán coa apertura de cunetas, a retirada da masa vexetal acumulada na beira da estrada e a poda do arboredo que supoña un risco para a seguridade viaria.
Logo dun fresado previo do pavimento, dispoñerase unha nova capa de mestura asfáltica en quente. Tamén se renovará a sinalización horizontal e adaptaranse ao novo firme as tapas de rexistro de pozos e sumidoiros instalados no percorrido da estrada.
Os traballos executaranse primeiro por unha marxe e posteriormente pola outra para poder manter en servizo a vía en todo momento. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución será de tres meses.