A Deputación inviste máis de 425.000 na mellora do firme da DP-4603 que conecta Melide e Ribadulla
O proxecto, en proceso de licitación, servirá para a reposición do pavimento entre os puntos quilométricos 1+070 e 5+821
Ademais da disposición dunha nova capa de mestura asfáltica en quente, os traballos inclúen a sinalización e balizamento da vía
A Deputación da Coruña mellorará o pavimento da DP-4603 que conecta Melide co núcleo de Ribadulla a través dun investimento de 426.457,80 euros. O proxecto, que está en proceso de licitación, contempla a actuación entre os puntos quilométricos 1+070 e 5+821. O prazo para presentar ofertas finaliza o vindeiro 21 de marzo.
Estes traballos de renovación contemplan a recuperación do firme nunha vía que na actualidade presenta un importante deterioro como consecuencia do paso do tempo, dos efectos climáticos adversos e do volume de vehículos que rexistra en diferentes tramos.
As obras inclúen o saneamento da capa superficial do pavimento coa disposición dun novo estrato de mestura asfáltica en quente que permitirá asegurar as condicións de seguridade do tráfico rodado. Unha vez concluída esta fase, executaranse tarefas de sinalización e balizamento da vía.
O tráfico permanecerá limitado a un só carril durante o transcurso dos traballos para poder manter en servizo a estrada. Unha vez iniciada a intervención, o prazo para a conclusión dos traballos será de dous meses.