A Deputación aproba investimentos de 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria en Ponteceso e Cee
O pleno aprobou hoxe a primeira fase do Plan de Vías Provinciais 2022, que inclúe os proxectos para a DP-4307, de Malpica a Ponteceso, e para a DP-2303 en Bermún
A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade na sesión plenaria de hoxe a primeira fase do Plan de Vías Provinciais (VIPI) 2022, que inclúe un investimento de 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na DP-4307 en Ponteceso e a DP-2303 en Cee.
No caso da DP-4307, que vai de Malpica a Ponteceso, actuarase no tramo correspondente ao núcleo de Lestimoño, en Ponteceso. Os traballos que se han levar a cabo, que contan cun orzamento de 830.960 euros, consisten na ampliación da calzada, dotándoa de dous carrís de 3 metros e unha beiravía de 30 centímetros na marxe esquerda e de 50 centímetros na marxe dereita, e a construción de beirarrúas, de 2 metros de ancho na marxe esquerda e de 1,80 metros na marxe dereita.
Ademais, dotarase a vía dun sistema de drenaxe de pluviais e, ao mesmo tempo e de xeito coordinado, o Concello de Ponteceso encargarase de executar a colocación dos servizos de abastecemento, saneamento, rede eléctrica, telecomunicacións e canalizacións para a iluminación pública.
O proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros, inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.