Igualdade da Deputación organiza unha xornada formativa para profesionais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade
Baixo o epígrafe "Desgaste por empatía", a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a concellería de Igualdade do Concello de Ortigueira organizaron, nesa localidade, unha xornada formativa orientada a profesionais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade.
Coa catedrática de procesos sanitarios Lola Ferreiro e a psicóloga Gema Zunzunegui como relatoras, abordáronse as alteracións emocionais e do 'burnout' que se produce con persoas en situación vulnerable, así como das claves do coidado e autocoidado desde a perspectiva do xénero, da necesidade de visibilizar as posíbeis alteracións emocionais das e dos profesionais que traballan con estas persoas, e de iniciar un proceso de reflexión introspectiva para construír a distancia terapéutica.
As 15 prazas ofertadas foron cubertas por profesionais dos CIMs, dos servizos sociais e do ámbito sociosanitario, e mesmo quedaron profesionais en lista de agarda, o que demostra a necesidade de xornadas que aborden estes temas, necesidade que o persoal técnico dos concellos lle trasladou á deputada provincial de Igualdade, María Muíño.
Muíño agradeceu a colaboración do Concello de Ortigueira na organización de toda a xornada e manifestou o desexo do seu departamento de que iniciativas coma esta cheguen a outros municipios da provincia.