María Muíño anima a “celebrar os logros do feminismo” no V Congreso Escolar polas Igualdades
A deputada provincial de Igualdade participou esta mañá neste congreso anual, impulsado polo IES Maruxa Mallo de Ordes, e que reuniu na Cidade da Cultura a preto de 300 alumnas e alumnas da ESO
A deputada provincial de Igualdade, María Muíño, participou esta mañá no V Congreso Escolar polas Igualdade onde convidou o alumnado a "celebrar os logros do feminismo que nos permiten a día de hoxe ter dereitos acadados". A cita, que tivo lugar na Cidade da Cultura, está organizada polo IES Maruxa Mallo de Ordes e contou coa participación de preto de 300 alumnas e alumnos da ESO.
Durante a súa intervención, María Muíño falou da necesidade de coñecer a importancia da loita feminista no desenvolvemento dunha sociedade cada vez máis xusta e máis igualitaria en dereitos reais. Neste contexto, a deputada indicou que tamén é necesario coñecer a situación real a día de hoxe, e que atendendo aos datos estatísticos "aínda queda moito por facer" en cuestións relacionadas coa fenda salarial entre mulleres e homes, no desenvolvemento das carreiras profesionais das mulleres ou en materia de conciliación laboral e familiar.
Ademais de convidar á reflexión, María Muíño felicitou a todo o alumnado participante por asumir a responsabilidade e compromiso de organizar este Congreso escolar e avogou pola "importancia da pedagoxía en igualdade e de educar na reflexión e na capacidade crítica sobre o comportamento que cada unha e cada un de nós debemos ter para avanzar cara a igualdade real".
A organización deste congreso é unha das actividades que promove o IES Maruxa Mallo coa finalidade de contribuír a unha educación transversal e integradora a todos os niveis. Precisamente é o alumnado o que asume a responsabilidade e o compromiso da súa planificación, organización e desenvolvemento.