Formoso afirma que a igualdade debe ser “unha prioridade” e insta a “defender cada día os avances logrados, que nunca están garantidos”
Na véspera do 8M, advirte do perigo que o avance da ultradereita supón para as conquistas sociais no eido da igualdade: "Debemos defender cada día os avances logrados e seguir traballando porque aínda queda moito por facer"
Visitou a sede coruñesa da Fundación Mujeres coa que a Deputación colabora desde hai unha década nun programa que dá apoio a máis de 400 mulleres coidadoras dos concellos rurais da provincia
"É importante dar o noso apoio para coidar ás que nos coidan", afirma Formoso, que lembra que preto do 90% das persoas dedicadas ao coidado de maiores, persoas con discapadidade ou menores son mulleres
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a sede coruñesa da Fundación Mujeres, unha ONG creada en 1994 con sede en Galicia, Madrid, Andalucía, Asturias e Estremadura que traballa co obxectivo de lograr unha igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e coa que a institución provincial coruñesa mantén unha estreita colaboración desde hai máis dunha década.
Formoso reuniuse coa subdirectora nacional da Fundación, Cristina García Comas, que viaxou desde Madrid para o encontro, e coas responsables da Fundación na cidade herculina.
Na véspera do Día Internacional da Muller, Formoso destacou que "o 8M non é unha xornada festiva, é unha xornada reivindicativa para tomar consciencia de que os avances e conquistas sociais no eido da igualdade nunca están garantidos"
Neste sentido, lembrou que "hai formacións políticas de ultradereita que están permanentemente poñendo enriba da mesa que os dereitos das mulleres non son unha prioridade e outras que, por convicción, por principios, por tradición política, consideramos que son unha auténtica prioridade".
"Debemos defender cada día os avances logrados e seguir traballando porque aínda queda moito por facer no ámbito da igualdade", sostivo.
Un programa para coidar das que nos coidan
Formoso explicou que, desde hai unha década, a Deputación colabora coa Fundación Mujeres nun programa de apoio integral a persoas coidadoras no rural que o ano pasado reuniu a 400 mulleres da provincia.
"É importante dar o noso apoio para coidar ás que nos coidan", afirmou Formoso, que lembrou que preto do 90% das persoas dedicadas ao coidado de maiores, persoas con discapadidade ou menores son mulleres.
O presidente destacou que "o compromiso da Deputación coa igualdade demóstrase con feitos, con programas como este, que se ocupa de atender ás coidadoras; máis tamén co apoio que damos á rede de casas de acollida para as mulleres que sofren violencia machista, que triplicamos nos últimos anos", co desenvolvemento de programas de igualdade desde a escola ou coa inclusión de cláusulas de igualdade nas contratacións e nas diferentes liñas de axudas da Deputación, explicou.
Pola súa banda, a subdirectora nacional da Fundación Mujeres, Cristina García Comas, explicou que "la relación con la Deputación da Coruña es de hace muchos años, tenemos la suerte de tener la confianza que deposita esta institución en nuestra organización y en el trabajo que hacemos de empoderamiento de mujeres para su participación social y laboral".
Ademais, comentou que "hemos tenido también relaciones con Deputación para trabajar también otras facetas como la igualdad en el funcionamiento de mujeres y hombres en la entidad y seguimos colaborando. Para nosotras son absolutamente necesarios los apoyos de la administración pública".
O 'Servizo de apoio integral a persoas coidadoras no medio rural', que o ano pasado chegou a 400 mulleres, vén complementar os servizos, públicos e privados, xa existentes no ámbito da dependencia (que adoitan ser puntuais e, ás veces, descoñecidos para elas), ofrecendo actuacións de: información, asesoramento, talleres formativos e outras actividades grupais, que tamén contribúen a evitar a soidade e illamento que experimentan as mulleres coidadoras no rural.
O servizo organízase entorno ás accións de intervención directa coas mulleres coidadoras, tanto de atención individualizada como desde o apoio prestado a partir da intervención grupal A intervención estrutúrase entorno ao Punto de Acollida e Asesoramento, e ten dous obxectivos prioritarios: orientar e facilitar información ás usuarias sobre temas relacionados coa saúde, autocoidado, participación social e recursos; e prestar apoio e asesoramento individualizado a cada usuaria e facilitarlle un itinerario personalizado de activación en función das súas necesidades.
O fin de Fundación Mujeres é contribuír ao cambio social e político necesario para lograr que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva en todos os ámbitos da vida e conseguir, desta forma, mellorar a situación social, a calidade de vida e os dereitos plenos das mulleres. Neste contexto enmárcase esta actividade dirixida a lograr a participación social e o empoderamento das mulleres coidadoras do ámbito familiar.