O Plan Único da Deputación inviste 139.984 euros para humanizar e poñer en valor a rúa de Ovedo, en Melide
As obras acondicionarán o pavimento e as instalacións urbanas, mellorando a imaxe e a calidade ambiental dunha vía que forma parte do casco histórico da vila e pola que discorren o Camiño de Oviedo e o Francés
A Deputación da Coruña financia a través do seu Plan Único a humanización e posta en valor da rúa de Ovedo, no concello de Melide. O programa provincial dedica 139.984 euros a acondicionar esta vía, que forma parte da rede viaria do casco histórico da vila e pola que discorre o Camiño de Oviedo e o Francés.
As actuacións que se han realizar, que se atopan en fase de licitación ata o 21 de marzo, permitirán renovar o pavimento, a rede de saneamento e subministración de auga e a canalización das instalacións de telecomunicacións, subministración eléctrica e iluminación. Deste xeito, a Deputación e o Concello buscan mellorar as condicións de acceso aos peóns ao eliminar barreiras arquitectónicas e mellorar a imaxe da rúa, pola que discorre o BIC do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO.
O novo pavimento estará conformado por lousas de granito similares en cor, tamaño e acabado ás da praza e rúa do Convento e a rúa Ichoas. É dicir, unha lousa sen pulir, parecida tamén á pedra que marca os ocos e zócolos das edificacións tradicionais da contorna. Ao tratarse dunha vía destas características, colocarase ao mesmo nivel o pavimento rodado e o peonil, dándolle un carácter máis humano e mellorando o espazo destinado á veciñanza, reducindo o paso dos vehículos aos mínimos imprescindibles.
En canto ás instalacións de servizos urbanos, as obras proxectan a realización dunha nova rede separativa de saneamento e pluviais, adecuando o servizo á normativa actual. Así mesmo, revisarase a rede de abastecemento actual para asegurar o mantemento da eficiencia e distribución da subministración. Tamén se soterrará o tendido aéreo da subministración eléctrica, a iluminación pública e telecomunicacións. Deste xeito mellorarase a calidade ambiental do trazado urbano e a imaxe de arquitectura tradicional desta rúa. As obras proxectan á súa vez previsión de condutos para a lectura remota dos contadores nas instalacións de electricidade.
A Deputación e o Concello buscan deste xeito poñer en valor unha zona pola que discorre o Camiño Francés, que presenta un trazado claramente medieval e que conta con vivendas unifamiliares con algunha horta nas súas proximidades. O prazo de execución das tarefas está previsto en seis meses.