A Deputación estuda a execución de diferentes proxectos de mellora da rede viaria en Valdoviño
O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, abordaron diferentes proxectos de mellora e humanización en estradas de Meirás, Valdoviño e Vilaboa
A Deputación da Coruña estuda a execución de diferentes proxectos de mellora da rede viaria provincial ao seu paso polo Concello de Valdoviño. O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, xunto co alcalde da localidade, Alberto González, o concelleiro de Servizos, Benito Veiga, e os técnicos provinciais, analizaron sobre o terreo a situación e as necesidades de intervención en diferentes estradas da parroquia de Meirás, Valdoviño e Vilaboa.
O percorrido arrancaba na estrada provincial que conecta a igrexa de Santa Eulalia coa praia da Frouxeira. Pequeño comprometeuse a que a Deputación estudará a execución das obras de mellora da seguridade viaria e a súa humanización co obxectivo de dotar a estrada de beiravías no 100% do itinerario, e ampliar o ancho naqueles tramos nos que xa se conta con elas.
En Vilaboa, o deputado e o alcalde complementaron o percorrido polas estradas provinciais cunha xuntanza de traballo cos responsables da Cooperativa: o presidente, Ángel Caneiro; o secretario, Andrés Pita, e o xerente, José Ameneiros. No encontro tratáronse: a intervención de humanización na zona de influencia da cooperativa -na que se concentran outros equipamentos como o campo de fútbol, o parque infantil, a estación de servizo, a electrolinera ou o supermercado-, e o acondicionamento da vía que conecta a parroquia con Loira. No primeiro caso, estudarase a posibilidade de mellora da vía e de construción de beiravías. No segundo, os técnicos provinciais valoraron a posibilidade de dar continuidade á intervención de mellora da estrada realizada recentemente, e que permitiu ampliar e mellorar o trazado da DP2502 entre Valdoviño e o encoro das Forcadas cun investimento de preto dun millón de euros. O obxectivo sería tamén mellorar o trazado e acurtar tempos de traxecto a Vilaboa.
Finalmente, deputado e alcalde analizaron as posibilidades de ampliación do ancho de plataforma da DP 5405, en Meirás, dende o cruce coa AC-116 ata a conexión coa AC566 que enlaza coa vía de alta capacidade das Pontes. Unha intervención coa que se melloraría a seguridade viaria nunha zona moi transitada e para a que se comezará a redactar o proxecto de inmediato.