Estás en:Novas

A Deputación promove o I Congreso Internacional de Estudos Queer na Galiza

A deputada de Igualdade, María Muíño, participou esta tarde na inauguración deste foro que se desenvolverá durante tres xornadas no Centro Universitario de Riazor

A Deputación promove o I Congreso Internacional de Estudos Queer na Galiza

A deputada de Igualdade, María Muíño participou esta tarde na apertura do I Congreso Internacional de Estudos Queer que se celebra na Galiza, onde salientou a importancia de crear espazos axeitados "para coñecer, debater, disentir, analizar e tamén para avanzar nesa sociedade libre que a bon seguro a maioría queremos".

Este foro de reflexión, que se está desenvolvendo no Centro Universitario de Riazor baixo o título 'Corpos, Xénero e Sexualidade', está financiado pola área de Igualdade da Deputación e organizado pola Rede Galega de Estudos Queer e polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña. Durante a súa intervención, María Muíño asegurou que "entender a diversidade das persoas é crucial para poder trazar un camiño en que o respecto sexa o principal, e rachar cos estereotipos e cos roles de xénero que aínda perduran, fará que avancemos cara unha sociedade en que cada persoa poida elixir con total liberdade o seu papel".

A filosofía desta iniciativa pasa por dar visibilidade aos estudos queer e LGBT+ no contexto galego, nunha aposta por crear espazos de debate en Galiza, lonxe das grandes metrópoles onde este tipo de foros son máis habituais. Preséntase así unha iniciativa con vocación internacional que permite reflexionar sobre a posibilidade de xerar unha corrente queer galega e, ao mesmo tempo, establecer encontros e debates con persoas de outros lugares.

Os obxectivos principais, segundo indican as entidades organizadoras, son os de coñecer novas investigacións no campo dos estudos queer de Galiza e arredores e expor un espazo multidisciplinar desde o que se poidan abordar debates en torno ao corpo, o xénero e a sexualidade. Así, o congreso conta cunha serie de comunicacións cuxo foco de investigación ofrece unha gran variedade de temáticas, dende o eido xurídico ata a filosofía ou as representacións culturais. Durante as tres xornadas, ademais das palestras tamén terán lugar mesas redondas, presentacións de libros e unha representación teatral.