O prazo para presentar orixinais aos premios Castelao e Torrente remata o 29 de abril
A dotación do XVII Premio Castelao de banda deseñada é de 6.500 euros en cada unha das súas dúas categorías, e de 15.000 € a do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa, tanto en lingua galega como en lingua castelá
O vindeiro 29 de abril é a data última para presentar orixinais a dous dos certames á creación convocados pola Deputación da Coruña, o XVII Premio Castelao de banda deseñada e o XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa. A institución provincial repartirá 43.000 euros: 6.500 euros para as obras gañadoras das dúas categorías a concurso do Castelao, e 15.000 € para as obras gañadoras do Torrente Ballester, tanto en lingua galega como en lingua castelá.
"Considerado un dos certames máis importantes no seu campo", en palabras do responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "o premio Castelao ten a clara finalidade de apoiar o colectivo que traballa na creación en banda deseñada en Galiza". Establece dúas modalidades a concurso: a xeral, á que se poderán presentar obras dirixidas a todo tipo de lectores e lectoras, e a LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. Ademais, ao premio poderán optar proxectos —que consistirán nun expediente cun mínimo de 16 páxinas rematadas e unha sinopse detallada do contido da obra completa, cunha extensión máxima de tres páxinas—, e obras completas, tanto en guión como en debuxo, en cuxo caso deberán ser orixinais, inéditas e non publicadas, na súa totalidade ou parcialmente. A obra 'Nós Seis', da coruñesa Julia Lago (A Coruña 1994) foi a gañadora en 2021.
"Co Torrente Ballester", explica Couto, "pretendemos contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas escritoras e escritores, e, por suposto, homenaxear o autor ferrolán". Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, que non fosen premiadas nos cinco anos anteriores e que presenten narracións inéditas —novelas, relatos ou conxuntos de relatos—, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas, total ou parcialmente, de tema e extensión libres. Raúl Santos Ageitos, coa novela 'Cornucopia', e María Cureses de la Vega, coa obra 'Ni luz ni llanto', resultaron gañador e gañadora da última edición, á que se presentaron 407 orixinais: 330 ao premio en castelán e 77 ao premio en galego.