Estás en:Novas

A Deputación celebra o Día Mundial do Teatro con dúas funcións de “Gloria nacional

A obra, posta en escena por Teatro do Noroeste, será representada este venres no Auditorio de Rianxo e o domingo no Teatro Colón da Coruña

Ambas as dúas funcións son de balde previa retirada de convites nas webs do Concello de Rianxo e na do Teatro Colón

A Deputación celebra o Día Mundial do Teatro con dúas funcións de “Gloria nacional

A Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo acolle este venres, ás 21 horas, a posta en escena da obra "Gloria nacional", da compañía Teatro do Noroeste, financiada pola Deputación co gallo da celebración do Día do Teatro 2022. Terá unha nova representación, o domingo 27 ás 20 horas, no Teatro Colón da Coruña. As entradas, para as dúas funcións, son de balde previa de convite nas webs do Concello de Rianxo e Colón.

"Estamos", explica o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "ante unha fermosa reflexión sobre o lugar que ocupan a creación artística e a cultura na sociedade actual, e que abre un interesante debate sobre o papel da arte, a cultura, os mercados e a política".

Escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela, "Gloria nacional" conta a historia de Uxío Rodas, escultor e pintor considerado polos seus contemporáneos como unha auténtica "gloria nacional", aínda que pasa por unha crise, recluído no seu estudo e apartado da civilización, intentando concentrarse no seu traballo máis importante, unha escultura monumental que se situará na praza principal da capital e que debe representar e simbolizar a súa nación.

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 20 anos produciu e distribuíu importantes espectáculos; entre eles, desde clásicos —"Rei Lear", "Macbeth" ou "Noite de reis", de William Shakespeare, ou "As vodas de Fígaro", de Caron de Beaumarchais—, até textos máis contemporáneos —"Os xustos", de Albert Camus—, mesmo de autores galegos, como "Historias peregrinas" ou "A grande noite de Fiz", de Miguel Anxo Murado, e "Unha rosa é unha rosa", de Suso de Toro.