A Deputación destina 301.945 euros á renovación do firme da estrada de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, en Tordoia
As obras permitirán solucionar as deficiencias e regular toda a plataforma, así como instalar nova sinalización horizontal e elementos de seguridade
A Deputación adxudicou por 301.945 euros as obras de acondicionamento e mellora do firme da estrada DP-8401 de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, no Concello de Tordoia. Desta forma, a institución continúa co seu compromiso e aposta pola mellora da seguridade viaria na rede de estradas provincial.
Os traballos levaranse a cabo desde o punto quilométrico 3+160 ao 5+500 e inclúen a apertura de cunetas e limpeza de paseos. Nas zonas deterioradas levarase a cabo fresado e reposición do firme. Ademais, debido á irregularidade que presenta o pavimento na actualidade, estenderase unha capa de regularización de espesor variable. No espazo de travesía disporase unha capa de mestura bituminosa en quente.
Así mesmo, completarase a actuación coa colocación dunha barreira de seguridade metálica. Tamén se renovará a sinalización horizontal no tramo de estrada sobre o que se actúa, pintándose tanto o eixo, como as beiravías e símbolos pertinentes. O prazo de execución das tarefas está estimado en cinco meses.