A Deputación financia con 390.908 euros a pavimentación da estrada de Cerceda a Mesón do Vento
Os traballos realizaranse ao longo de 3,4 km da vía provincial DP-2405, que conecta Cerceda e Ordes
Estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente e mellorarase a sinalización no tramo de actuación
A Deputación da Coruña vén adxudicar por 390.908 euros as obras de mellora do firme da estrada provincial DP-2405 de Cerceda a Mesón do Vento, ao seu paso polos concellos de Cerceda e Ordes.
O tramo de actuación comprende un total de 3,4 quilómetros, desde o punto quilométrico 1+700 ao 5+170. Nesta zona levarase a cabo a extensión dunha capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente para acondicionar o firme da plataforma.
As tarefas de mellora da seguridade viaria nesta estrada tamén inclúen o despexe e limpeza de beiravías, paseos e cunetas por ambas marxes, así como o fresado e reposición do firme nas zonas deterioradas. Así mesmo, instalarase unha barreira de seguridade metálica e renovarase a sinalización vertical en mal estado e a horizontal mediante pintura viaria branca, tanto no eixo coma en beiravías e símbolos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que esta obra forma parte do compromiso que ten a Deputación coa mellora e acondicionamento de infraestruturas, co máximo fin de ofrecer unha rede de estradas sen riscos para o tráfico rodado e o peonil.