A Deputación adxudica por 284.659 euros as obras de mellora da estrada DP-7202, en Rianxo
A obra, que se realizará nos primeiros 3 km da estrada que vai de Rianxo a Burés por Asados, inclúe a pavimentación da plataforma e a mellora da accesibilidade nos pasos de peóns
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 284.659 euros as obras de renovación e mellora da capa de rodaxe da estrada provincial DP-7202, no Concello de Rianxo, que vai de Rianxo a Burés por Asados, no tramo comprendido entre o PK 0+000 e o PK 3+025.
Segundo indicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, os traballos a levar a cabo na estrada, que está nas inmediacións do núcleo de Rianxo e a capela de Santa Lucía, consistirán, en primeiro lugar, na limpeza da vía e da beiravía para, posteriormente, aplicar sobre a plataforma unha capa de asfalto de 5 centímetros de espesor.
Ademais, o proxecto inclúe a realización de barbacanas (rebaixe das beirarrúas nos pasos de peóns existentes co obxectivo de rebaixar mellorar así a accesibilidade para os peóns que fan uso da vía). Por último, procederase á posta a cota das tapas de rexistro e sumidoiros existentes e tamén á reposición das marcas da vía, bordes, pasos para peóns e inscricións, así como as unidades de sinalización vertical necesarias.
O prazo de execución será de cinco meses a partir do inicio das obras.