A Deputación instala a pasarela para o paso seguro dos peóns sobre a vía do tren na avenida Santa Icía, en Narón
Esta noite colocouse a nova estrutura metálica de 18 metros de longo e 2 metros de ancho que mellorará a accesibilidade nun punto moi transitado
A Deputación espera completar a obra no prazo dun mes
A Deputación da Coruña instalou esta madrugada a estrutura metálica da nova pasarela peonil que permitirá o paso seguro dos viandantes na ponte existente na estrada DP-5403 sobre a liña ferroviaria de FEVE na avenida de Santa Icía de Narón.
A pasarela, cunha lonxitude 18 metros e un ancho de 2 metros, permitirá unha notable mellora da accesibilidade peonil neste punto, que contaba con antigas beirarrúas estreitas e pouco accesibles, que impedían o paso axeitado de cadeiras de rodas o carriños de bebés nunha zona que rexistra un tránsito continuo de veciños de veciñas a pé. Ademais, a instalación permitirá ensanchar a vía de circulación de vehículos, que ocupará toda a plataforma da calzada, reservando a nova pasarela metálica para uso exclusivo peonil.
Durante hoxe e mañá realizaranse labores de pavimentación e instalación definitiva da pasarela, que contará ademais con iluminación ao longo do seu percorrido e ramplas de acceso a ambos lado para garantir accesibilidade total.
Dentro das actuacións, que supoñen un investimento de 307.989 euros, tamén se procederá á demolición das beirarrúas existentes na ponte da DP-5403 e posterior fresado e rehabilitación do firme para mellorar o paso dos vehículos. As tarefas incluirán a reposición de servizos soterrados (iluminación pública, eléctrica...), substitución da varanda de protección existente por un peitoril metálico para a contención de vehículos e reposición e colocación das marcas viarias horizontais e verticais.
A Deputación espera ter a obra completamente rematada no prazo dun mes.